O DOG recolle hoxe a creación oficial da oficina rural da Pastoriza

A Pastoriza dá hoxe un paso decisivo coa creación oficial da súa oficina rural, que contará cunha dotación a tempo completo de dúas prazas. O Diario Oficial de Galicia publica a modificación da relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural, na que se inclúe a incorporación dun veterinario e dun administrativo para este servizo, que xa estaba en funcionamento e aberto ao público nos últimos meses.
A oficina rural atópase situada na planta baixa da Casa do Concello, nun espazo de 53 metros cadrados cedido polo propio Consistorio, pensado para acoller os servizos veterinarios e a atención directa á cidadanía.
"A posta en marcha definitiva desta dotación supón un importante avance para os gandeiros e gandeiras da Pastoriza, que ata hai pouco tiñan que desprazarse a outros municipios para realizar xestións e trámites", explican desde o Concello, onde engaden que "con esta medida, a Xunta de Galicia evidencia a súa aposta polo sector gandeiro, considerado o máis relevante no tecido económico e social deste concello".