O domingo continúa o ciclo Mestre Mateo do Iescha coa proxección de 'As Neves'

TerraChaXa
Con esta sesión, ponse o punto final á serie, que durante os últimos meses permitiu ao público vilalbés gozar das películas finalistas
as-neves
8 Nov 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe de ficción As Neves, dirixida por Sonia Méndez, filme gañador, entre outros galardóns, do Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe de ficción.

Con esta sesión, o Iescha pon o punto final ao Ciclo Mestre Mateo 2025, que durante os últimos meses permitiu ao público vilalbés gozar das películas finalistas —documentais, longametraxes e curtametraxes— dos XXIII Premios Mestre Mateo.

A derradeira proxección deste ciclo terá lugar o domingo 9 de novembro de 2025, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será de balde, mais será necesario reservar localidade a través da web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura de Vilalba.

Sinopse

As Neves transcorre nunha vila de montaña onde todos se coñecen. Durante a noite de Entroido, un grupo de adolescentes celebra unha festa na que consomen cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte, espertan en medio dun temporal de neve e coa nova de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. A vila queda incomunicada e sen internet, e cada vez é máis urxente atopala. A investigación que comeza marcará un antes e un despois nas súas vidas e na súa relación co mundo.

⚙ Configurar cookies
0.069061994552612