O dúo musical Vega-Reynoso presenta o seu proxecto en Vilalba este domingo
O Auditorio Municipal de Vilalba acolle este domingo 5 de marzo, ás 19:00 do serán, o concerto que suporá a estrea do Dúo Veiga-Reynoso en Galicia.
Esta parella musical está conformada polo clarinetista vilalbés Dani Veiga, profesor no Conservatorio Profesional Municipal de Vilalba e director da Banda de Música de Vilalba, e polo pianista arxentino Joel Reynoso, que estudou co intérprete chairego no Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA).
Ambos músicos ofrecerán en Vilalba o primeiro concerto do seu proxecto Ánimas, un título baseado no da obra homónima da compositora ribadense Carme Rodríguez que se estreará en Galicia na cita deste vindeiro domingo.
Esta obra, Ánimas, foi composta no ano 2020 para participar no III Concurso Internacional de Composición María de Pablos, auspiciado pola Fundación Don Juan de Borbón, onde resultou galardoada co 1º Premio María de Pablos e co Premio del Público Barrio de Santa Eulalia.
O dúo propón tamén para este domingo a peza Troubled, da compositora coruñesa Margarita Viso, que xa tivo a súa estrea e que volverá a soar en Vilalba neste concerto.
Recuperación de repertorio
Ademais das compositoras galegas, que acudirán e terán ademais unha pequena participación durante o acto, o Dúo Veiga-Reynoso interpretará a Sonatina de Caroline Schleicher-Krähmer, primeira peza conservada escrita para clarinete e piano por unha muller, que foi ademais a primeira solista de clarinete en Europa e que tivo un gran recoñecemento no século XIX.
O repertorio para o domingo conta tamén coa Sonata nº2 do compositor alemán Johannes Brahms, unha das pezas máis importantes da literatura para clarinete e piano, e cunha peza do arxentino Carlos Guastavino, que comparte raíces co pianista do dúo.
A entrada será gratuíta e pódense reservar as localidades na páxina de entradas do Concello de Vilalba, que organiza e impulsa este acto.