O dúo Pärbo ofrece un concerto este sábado en Vilalba
O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, ten programado para o sábado 1 de outubro de 2022, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal, a actuación de Pärbo, dúo formado por Begoña Riobóe Anxo Pintos, dous referentes da música tradicional galega que logo de traballar e colaborar de xeito ocasional en diversas formacións, deciden crear o dúo Pärbo.
Violín, arpa céltica e voz soa da man de Riobó, e zanfona e 2º violín, de Pintos. Ambos os dous cunha excelente traxectoria profesional que os precede como intérpretes, compositores, e formadores de innumerables músicos tanto en Galicia como no estranxeiro.
Begoña Riobó Estudiou Arpa Céltica con Rodrigo Romaní, violín clásico con Natalia Soltan e Armando Toledo, zanfona con Anxo Pintos e violín folk con Alfonso Franco e Jacky Molard. Licenciada en Historia da Arte, especializada nos itinerarios de música e arte contemporánea. É unha violinista de referencia no panorama folk gallego.
Anxo Pintos Músico e compositor. Toca a gaita, a zanfona, o violín, o saxo soprano e a frauta de bico. Compositor de numerosas pezas instrumentais, colaborou con numerosos músicos e grupos (Milladoiro, The Chieftains, Los Piratas, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Alfolíes, Wu Tong…).