O edil do PP de Muras Julio Díaz deixa o Partido Popular e pasa ao grupo mixto

GaliciaXa | TerraChaXa
Este paso vese como unha posible vía para que se desbloquee a situación do Concello
concello-de-muras-casa-consistorial
21 Feb 2025

O panorama político de Muras dá un novo xiro tras a decisión do edil Julio Díaz de abandonar o Partido Popular (PP) e integrarse no grupo mixto, onde está o PSOE, alegando “discrepancias internas” coa formación.

A decisión de Díaz deixa ao PP con só dous representantes no pleno municipal, no que o goberno en minoría do BNG, liderado polo alcalde Manuel Requeijo, xa tiña que xestionar unha situación política complexa. Ata o de agora, a oposición estaba conformada por tres edís populares, tres do BNG e un único representante do PSOE.

Díaz, que se estreou na política local en 2023 como número dous da lista do PP, anunciou tamén a súa dimisión como secretario do partido a nivel municipal. "Unhas circunstancias internas dentro do partido deixaron claro que a mellor decisión era dar un paso ao lado", explicou o concelleiro, que ademais explicou a súa decisión de pasar ao grupo mixto "porque os veciños me elixiron e débome a eles. Moitos me dixeron que non dimitira así que seguirei facendo política desde o grupo mixto".

Díaz defendeu o seu compromiso co partido, "xa que para coller o cargo de concelleiro tiven que coller unha excedencia non meu traballo, iso demostra o meu compromiso".

A súa marcha provocou sorpresa tanto no BNG como no PSOE, que ven nesta reconfiguración unha posible vía para desbloquear a parálise do pleno municipal. Nos últimos meses, os desacordos entre os grupos dificultaron a aprobación de asuntos clave, incluído o pago a provedores por valor de máis de 350.000 euros, unha situación que levou a algún deses impagados a facer unha denuncia.

Preguntado si este cambio podería dar unha volta á situación no Concello de Muras afirmou que "se votou en equipo baseándonos nun informe porque non se pode votar algo que non procede, por iso se mantivo esa liña. Agora, no grupo mixto votarei tamén seguindo esa liña, non vou cambiar de forma de pensar". Asegura Díaz que a súa relación cos compañeiros de corporación é boa. "Cada un temos unha forma de pensar e de ver as cousas, e como estamos en democracia cada un toma as decisións que cre más convenientes", concluíu.

Aínda así, o futuro político do Concello de Muras está agora máis aberto que nunca, cun panorama no que as negociacións e posibles pactos poderían xogar un papel determinante nos vindeiros meses.

Pola súa banda, o alcalde Manuel Requeijo, asegurou que non se quere meter en asuntos internos dos partidos, pero que entende que a situación que se está vivir no Concello de Muras, "bloqueado pola alianza de PP e PSOE para non deixar sacar adiante ningún proxecto está a repercutir directamente nos veciños, que saben o que está a pasar". Considera que a saída de Julio Díaz pode ser unha vía para desatascar a situación, "coa que os veciños non están contentos".

A presidenta do Partido Popular, Elena Candia, asegurou non ter información sobre o motivo que levou á saída do edil do grupo popular mantívose na liña da cabeza de lista de Muras, Eugenia Requeijo, á que mostrou o seu apoio e sobre a que dixo que "levou os intereses do seu concello incluso ao Congreso, defendendo aos agricultores e gandeiros".

Describiu á concelleira popular de Muras como "unha muller emprendedora no rural, comprometida co noso proxecto político que ten o aval e o apoio do noso partido e respectamos a decisión que se tomou porque son auntos internos del grupo municipal".

0.16487884521484