O Entroido de Guitiriz repartirá 695 euros en premios e renova o reto dos mecos
O martes 13 de febreiro Guitiriz celebrará o Entroido co tradicional desfile de disfraces, organizado pola Asociación Xermolos e o Concello, que comezará ás 17 horas e que partirá desde a Casa Habanera para chegar despois ao O Pavillón Polideportivo onde haberá música toda a tarde.
Este ano repartiranse un total de 695 euros en premios ás mellores comparsas e disfraces. No caso das comparsas: a mellor recibirá 200 euros e unha cesta de produtos típicos, e logo a máis orixinal, a de mellor música, a de máis humor e a de máis traballo, recibirá cada unha outros 70 euros.
Nas máscaras individuais o primeiro premio será de 50 euros, o segundo de 20 euros e o terceiro de 15 euros. Para as parellas o primeiro premio será de 60 euros, o segundo de 40 euros e o terceiro de 30 euros. Ademais, as máscaras infantís recibirán diferentes agasallos.
Ademais, desde a organización propoñen un reto: encher o pobo de mecos. Para participar, hai que subir unha foto do meco ás redes sociais co #MECOXERMOLOS24. Non é necesario ser o creador, o anonimato estará garantido. O gañador, que o decidirá o xurado, non é unha persoa, é o meco, que será indultado e o resto serán retirados para queimalos no desfile do martes de Entroido.