O Entroido de Guitiriz repartirá máis de 1.500 euros en premios e renova o reto dos mecos

TerraChaXa
O Concello establece este ano por primeira vez tres premios especiais para o mellor disfraz individual, parella e comparsa
disfraces-mascaras-entroido-guitiriz
18 Feb 2025

O martes 4 de marzo Guitiriz celebrará o Entroido co tradicional desfile de disfraces, organizado pola Asociación Xermolos e o Concello, que comezará ás 18.00 horas e que partirá desde a Casa Habanera para chegar despois ao Pavillón Polideportivo onde haberá música toda a tarde.

Este ano repartiranse máis de 1.500 euros en premios ás mellores comparsas e disfraces. No caso das comparsas: a mellor recibirá 200 euros e unha cesta de produtos típicos, e logo haberá catro premios de 50 euros para a máis orixinal, a de mellor música, a de máis humor e a de máis traballo.

Nas máscaras individuais e por parellas haberá un primeiro premio para cada unha de 50 euros, un segundo de 20 euros e un terceiro de 15 euros. Ademais, as máscaras infantís recibirán diferentes agasallos.

Este ano haberá un premio especial do Concello de Guitiriz, cun único gañador na categoría individual, que recibirá 200 euros, outro en parellas con 300 euros e a mellor comparsa terá 500 euros.

O prazo para anotarse remata o día 3 ás 14.00 horas.

Ademais, desde a organización propoñen un reto: encher o pobo de mecos. O gañador, que o decidirá o xurado, non é unha persoa, é o meco, que será indultado e o resto serán retirados para queimalos no desfile do martes de Entroido.

0.16426610946655