O equipo de fútbol gaélico de Friol chegou ás semifinais da Copa Galega no seu debut na competición

LugoXa | TerraChaXa
Este colectivo está dirixido por Alexander Sanmartín e conta coa xestión por parte do departamento de educación física do centro escolar de Friol
equipo-futbol-gaelico-friol
26 Mar 2025

O equipo de fútbol gaélico do CPI de Friol tomou parte a pasada fin de semana na Copa Galega do citado deporte na categoría U15, onde fixo un brillante papel, xa que conseguiu pasar a semifinais, no que era o seu debut neste torneo de máximo rango autonómico.

O equipo de Friol, formado integramente polos alumnos e alumnas de 2º da ESO deste centro educativo, tivo un brillante papel e perdeu en semifinais fronte o club do Concello de Boqueixón por un resultado de 37 a 10. O equipo friolense foi o representante autonómico neste torneo galego e tamén foi a súa estrea neste campionato, despois da creación do equipo no presente curso escolar.

Este equipo está dirixido por Alexander Sanmartín e conta coa xestión por parte do departamento de educación física do centro escolar de Friol.

Un cento de futbolistas das categorías U12 e U15 xuntáronse no campo de Coia en Vigo na Copa Galega organizada pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). Os triunfadores en termos de competición foron O Pino na categoría U15 e o Boqueixón na U12.

⚙ Configurar cookies
0.65880918502808