O Espazo Xove acollerá unha nova edición da Semana do Deporte entre o 17 e o 20 de xuño

O deporte volverá ser protagonista no Espazo Xove coa celebración dunha nova edición da Semana do Deporte, que terá lugar os días 17, 18, 19 e 20 de xuño. A iniciativa, xa consolidada como unha das citas máis esperadas para a mocidade na recta final do curso, incluirá torneos de baloncesto e fútbol 3x3.
As inscricións para participar nestas competicións xa están abertas, e poderán formalizarse ata este venres, 13 de xuño. As persoas interesadas deberán achegarse ao Espazo Xove no seu horario habitual de apertura para obter máis información e anotarse.
A organización anima á participación activa, destacando o ambiente lúdico e deportivo da proposta, pensada para fomentar a convivencia, o xogo en equipo e o respecto a través do deporte.
A Semana do Deporte concluirá o venres 20 de xuño, ás 20.00 horas coa entrega dos Premios do Deporte.