O espolio do Parque Eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo, chega ao Parlamento Galego
O voceiro de En Marea, Luís Villares, o deputado Pancho Casal, o coordinador de En Marea en Modoñedo, Manuel Xermade e o presidente de Acouga (Asociación Galega de Consumidores e Usuarios), Manuel Pérez Arias, mantiveron unha xuntanza cos afectados polo Parque Eolico de Sasdónigas no Parlamento Galego. Despois da xuntanza e acompañados dos medios de comunicación proxectaron un documental que denuncia todas as irregularidades que se cometeron e que inda seguen acontecendo en Mondoñedo e que xa provocaron danos irreversibles.
Os feitos que denuncian resúmense en tres grandes bloques, danos ao patrimonio, ao noso medio e danos sociais. Dos primeiros destaca un asentamento romano inventariado no PXOM de 2016, e que a Empresa dende o primeiro momento intentou obviar. Ademais o camiño de Santiago no que tantas esperanzas pon o presidente da Xunta de Galicia transita polo medio do parque, como amosan numerosas fotografías e a documentación das afectacións.
Os danos o medio tamén son evidentes. A instalación dun parque destas características nunca ten un coste ambiental igual a cero pero e que, neste caso e tal como explica o xeólogo Iván Rodriguez Lombardero, o chan deste parque é de turbeira en case toda a totalidade, que están protexidas pola normativa ambiental europea, e esta zona é unhas das poucas que existen na Península.
Este chan fai efecto de capa de cobertor fronte as emisións de CO2 polo que teñen moitísima importancia na conservación natural . Neste caso, ao ser revoltas o efecto é todo o contrario, producen unha emisión de gas a atmosfera, sendo un ataque medioambiental. Tamén houbo modificacións nos acuíferos, pois ao ser canalizados, regos que vertían a Conca Hidrográfica Norte, pasan a facelo a Conca Miño-Sil, sen que ningún organismo de control administrativo dixera nada.
A realidade é, segundo Xermade que “a empresa é dona e señora de todo , e fai o que quere, porque o Concello agocha a cabeza e a Xunta de Galicia o permite”. Por último están os danos sociais un verdadeiro “asoballamento aos propietarios a hora de pagar polas terras”. Os números están aí: 0.17€/m por terreo de plena ocupación e 0.017€/m por afectación eólica. Así , por exemplo unha finca de 30.000m (3 Hectáreas) pasa a pagarse ao redor de mil euros, en pago único por trinta e un anos, atopándose pagos de terreos de centros de metros de cantidades ridículas, como 3, 7 ou 25 euros.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candía, defendeu este proxecto porque ía crear postos de traballo e crear riqueza. Por este motivo a empresa beneficiouse dunha rebaixa de impostos por medio do Convenio Doing Bussines, que ao final resultou a creación de 5 postos de traballo para toda a provincia de Lugo ( cando nun principio ían ser cinco por cada parque eólico) e unha diminución de ingresos moi importante para as arcas municipais. “temos un Parque Eólico que arruina a veciñanza, que non vai producir riqueza máis que para a Empresa, que desfai e maltrata o medio natural , e que ataca seriamente ao Patrimonio Público. E tamén temos a Xunta que é mantén unha política de man dura coas xentes que queren conservar seu patrimonio, pero que é moi laxa e tolerante con Norvento” recalcaba Manuel Xermade.