O estado dos frescos das igrexas de Labrada e Os Vilares será debatido no Parlamento galego

TerraChaXa
"Ante o silencio das administracións sobre a demanda de restauración das pinturas murais renacentistas das igrexas de Santa María de Labrada e San Vicenzo dos Vilares", ambas parroquias "vémonos na obriga de recurrir a iniciativas nas distintas comisións e plenos do Concello, Deputación e Parlamento para reclamar a recuperación destes frescos renacentistas dos séculos XV e XVI".
Os frescos da igrexa de Labrada, en mal estado de conservación.
2 Nov 2017

"Ante o silencio das administracións sobre a demanda de restauración das pinturas murais renacentistas das igrexas de Santa María de Labrada e San Vicenzo dos Vilares", ambas parroquias "vémonos na obriga de recurrir a iniciativas nas distintas comisións e plenos do Concello, Deputación e Parlamento para reclamar a recuperación destes frescos renacentistas dos séculos XV e XVI".

Será a través dunha iniciativa do grupo do BNG, que incide no perigo de que a perda dos murais sexa irreversible se non se actúa con urxencia, presentada para dabatir na Comisión de Cultura do Parlamento galego cando se interpele á Xunta polo coñecemento do estado dos frescos e polas actuacións previstas para a súa conservación.

Trátase dunha mostra de "patrimonio chairego en estado de abandono que non pode agardar e sobre o que as distintas administracións amosan nula sensibilidade nuns casos e só boas palabras noutras, pero que manteñen no esquecemento", segundo afirman o presidente da asociación socio-cultural Lareira de Soños, Antón Tenreiro, e o cura párroco de Santa María de Labrada, Luís Ángel Rodríguez Patiño.

Polo tanto, a iniciativa parlamentaria insta á Xunta a desenvolver un estudo técnico que avalíe o estado de conservación dos frescos situados nas igrexas parroquiaiais dos Vilares e Labrada (Guitiriz) e as medidas a adoptar para frear o seu deterioro e garantir a súa conservación. Así, como abrir un espazo de diálogo co Arcebispado, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas.

0.17769408226013