O estudo realizado na rúa da Pravia aconsella o cambio do sentido do tráfico
O tenente de alcalde do Concello de Vilalba, Modesto Renda, presentou os resultados do estudo técnico realizado para decidir o sentido circulatorio da rúa da Pravia e que conclúe a necesidade do cambio, que se fará o antes posible.
Como explicou o tamén responsable de mobilidade, o cambio de sentido da rúa da Pravia e tamén as obras trouxeron unha importante polémica que comezou xa na anterior lexislatura. Nas últimas eleccións, Vilalba Aberta fíxose cargo desta obra para "dicir dende o Goberno aquelo que esixíamos desde a oposición". Explicou que se fixeron varias reunións coa veciñanza e os comerciantes para expoñer a idea dun cambio a través dun estudo técnico.
A rúa ten varias vías paralelas co mesmo sentido e as parroquias teñen dificultades para acceder ao centro polo que consideran "necesario o cambio".
Renda asegurou que este cambio está baseado en necesidades comerciais e tamén foi realizado "como compromiso político".
Analizouse no estudo o sentido do tráfico e como se están a conectar as rúas contando tamén coas rutas de transporte e as horas puntas da mobilidade.
Explicouse tamén o proxecto, que consistiu na observación do tráfico e despois da aplicación dun modelo en Vilalba.
Nas primeiras conclusións, o cambio de sentido traería aparellada unha redución do tráfico pola rúa da Pravia un 33% "o que potenciaría outras rúas de Vilalba". Así, o tráfico que agora mesmo non vai pola Pravia pasaría pola avenida Cospeito collendo relevancia a rúa Emigración e rúa Ribadeo.
A empresa que realizou habería que propoñer alternativas de calmado de tráfico para esas rúas.
Gañarían tráfico tamén avenida Terra Chá, Plácido Peña e algo Conde Pallares pero advirten que este cambio non suporá atascos.
Pola súa banda, Modesto Renda explicou tamén que o tráfico chega a Vilalba principalmente pola A8 e a AG64. "Debemos facilitar a entrada ao centro urbano desde esas direccións", dixo. Tamén explicou a necesidade de favorecer a conexión co polígono Sete Pontes e impulsar o turismo.
O concelleiro avanzou que co cambio se farán algúns cambios no resto de vías afectadas. Estudan a posibilidade de instalar bandas redutoras de velocidade. Tamén terán que cambiar a sinalización e o pintado.