O ex alcalde de Muras sentarase no banco dos acusados o venres
O ex alcalde de Muras Issam Alnagm Azzam terá que regresar ao xulgado este venres, 9 de xullo, acusado esta vez dun delito continuado de prevaricación.
O ex rexedor enfróntase a doce anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por ditar supostamente resolucións coa súa esposa como persoa interesada e tendo con ela un réxime xurídico de gananciais.
Concretamente, o escrito fai referencia á concesión dunha licenza de obra para a legalización dunha nave no
lugar de Cal do Baño, unha nave de nova construción amparada por unha licenza para alpendre outorgada no ano 2003, situada nunha parcela considerada solo rústico de protección de espazos naturais¡ dentro do LIC Rede Natura.
Así mesmo, tamén está acusado de anular recibos da taxa de residuos sólidos urbanos de dúas vivendas de Gobeitas. Ademais figura a investigación sobre outras resolucións para a limpeza dun camiño e de diversas certificacións de clasificación urbanística en parcelas da esposa de Alnagm.
Issam Alnagm Azzam foi rexedor da localidade chairega durante 24 anos. Foi elixido por primeira vez en 1991
e revalidou unha maioría absoluta tras outra ata 2005, cando perdeu as eleccións e abandonou o concello.