O Fendetestas inicia a tempada en todas as categorías

O club deportivo Fendetestas vén de anunciar os horarios de adestramento para a nova tempada, que comezan xa neste mes de setembro e se prolongarán tamén a primeiros de outubro segundo a categoría.
Os equipos sénior e M18 xa están en marcha, cun calendario fixado os martes e xoves de 20.00 a 22.00 horas. A Academia, que abrangue as categorías M14/M16 e M12, dará comezo o 11 de setembro e terá adestramentos tamén os martes e xoves, de 18.30 a 20.00 horas.
Pola súa parte, os máis pequenos incorporaranse a finais de mes. A categoría M10 iniciará as sesións o 27 de setembro, con adestramentos os sábados de 10.30 a 12.00 horas, mentres que os equipos M6 e M8 farano ese mesmo día, en horario de 11.00 a 12.00 horas.
Finalmente, o grupo de Mixed Ability comezará o 4 ou 5 de outubro, cunha sesión semanal que se celebrará en sábado ou domingo, de 11.00 a 12.30 horas.
Con esta programación, o club dá o pistoletazo de saída a unha tempada chea de actividade, coa vista posta na formación e no fomento do deporte en todas as idades.