Guitiriz acolle o Festival Atlántica de narración oral na súa sétima edición
O Festival Atlántica de narración oral, que este ano celebra a súa sétima edición, vai chegar por primeira vez á provincia lucense por mor da colaboración coa Deputación. A presentación da programación remarcouse que este festival é a primeira vez que se achega a terras lucenses, concretamente aos concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro. Nesta iniciativa, na que participan un total de 16 concellos de toda Galicia, con 30 narradores en máis de 90 actuacións, ten o obxectivo de contribuír a promover e preservar a lingua, a cultura e as tradicións gañegas.
Contará cunha gran variedade de espectáculos, artistas e espazos dos que vai facer uso o festival e para pechar a semana está previsto un roteiro de poesía polas rúas da cidade de Lugo.
Na súa quenda, a directora do Festival, Soledad Felloza, fixo fincapé na importancia simbólica de levar os contos ata Lugo porque é a oportunidade de “xuntar as voces antigas do interior e do mar na terra de Fole, Cunqueiro, Manuel María…” A sétima edición é “a do encontro das historias do mar e dos bosques, de Esmelle e do Atlántico, da Terra Chá, das cidades mergulladas, das lagoas míticas, do corazón da Galicia Encantada que recolle e custodia Reigosa”. Precisamente, Antonio Reigosa e mais Lois Pérez implicáronse activamente para lograr que Lugo se convertera nunha das sedes de Atlántica, feito que foi destacado tanto por Basadre como por Felloza nas súas intervencións.
A directora do festival tamén quixo subliñar a intensidade coa que Lugo se vai incorporar ao festival de narración oral: cinco concellos, catro xornadas, incluído o Día Internacional da Narración Oral, dez artistas e quince actuacións. “Atlántica soñaba con este encontro e agora traballa para que teña futuro”, rematou.
Ata Lugo van chegar as historias do xaponés Yoshi Hioki, do alacantino Pablo Albo e dos galegos Celso F. Sanmartín, Ángeles Goás, Lois Pérez, María da Pontragha, Raquel Queizás e Vero Rilo. Tampouco faltarán á cita contadores lucenses como Fátima Fernández e Lois Pérez. Este grupo de narradores vai desenvolver entre o 20 e o 23 de marzo unha programación para todos os públicos, con espectáculos para cativos e maiores que terán entrada libre e gratuíta ata completar o aforo. Ademais, cómpre salientar que toda a información sobre os artistas deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/).