O Festival Atlántica fai parada en Vilalba o venres e o sábado

Vilalba volve a ser sede do Festival Atlántica, un dos maiores eventos de artes escénicas que se celebra entre Galicia e Portugal. As parroquias de Nete e Lanzós foron as elixidas para acoller esta nova edición, que contará con arredor de 90 funcións e 45 propostas e artistas de varios países, convertendo ao rural en protagonista desta cita cultural.
A primeira proposta será este venres, 4 de xullo, ás 20.30 horas na antiga escola unitaria de Nete. Actuarán os galegos María da Pontragha e Miguelón Paz con Contos de tabernas, dirixido a público adulto. O sábado 5 será a vez de Simone Negrín, de Italia con Fare le Corna. Terá lugar na Escola Habanera de Lanzós ás 21.00 horas.
A concelleira de Promoción da Lingua, María Xosé Fernández, destacou que se trata “dun dos poucos eventos das artes escénicas que programa ao longo de sete días e en dous países diferentes, o que reflicte a relevancia deste festival”. Pola súa parte, o tenente de alcalde Modesto Renda puxo en valor a importancia de que Vilalba sexa sede dun evento destas características, compartindo protagonismo con cidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense ou Ferrol.
Na presentación participaron tamén a concelleira de Cultura, Mónica González, xunto coas presidentas das asociacións de veciños e veciñas das parroquias anfitrioas, resaltando o compromiso do Concello de Vilalba coa promoción cultural e coa dinamización do rural a través da cultura.