O Festival da Chaira de Baltar completa o programa para o 21 de xuño

O vindeiro 21 de xuño, a parroquia de Baltar, no concello da Pastoriza, converterase no epicentro da festa coa celebración da XVIII edición do Festival da Chaira, un evento xa consolidado no calendario cultural da comarca.
O festival promete unha xornada inesquecible chea de música, actividades para todas as idades, merendas populares e moito bo ambiente nun entorno natural único. A cita será na Praia da Riboira, en pleno corazón de Baltar.
O festival arrancará ás 10:30 da mañá coa tradicional Ruta da Espiga, á que seguirán as actuacións do Grupo Tradicional da Pastoriza ás 13:00 e da Charanga Bicoia ás 14:00. Xa pola tarde, haberá un obradoiro infantil ás 16:00, seguido dun torneo aberto de billarda ás 17:00. A música continuará coa actuación de Cé Orquestra ás 18:00 e os xogos populares ás 19:00, que prometen encher de diversión a contorna.
A programación nocturna comezará ás 22:00 coa actuación do grupo Ailá, seguida das Filloas ás 23:30, Filophóbicas ás 01:00 e, xa de madrugada, Untides ás 02:30.
O recinto contará cunha zona de acampada e foodtrucks, ofrecendo así unha experiencia completa para todas as persoas asistentes. O Festival da Chaira consolídase un ano máis como unha referencia cultural da comarca e un punto de encontro para celebrar a música, a tradición e a convivencia.