O Festival de Pardiñas celebrará a XLVI edición os días 1, 2 e 3 de agosto


A Asociación Xermolos, organizadora do histórico Festival de Pardiñas en Guitiriz, vén de anunciar as datas da XLVI edición deste evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego. Este ano 2025, o festival desenvolverase durante os días 1, 2 e 3 de agosto, mantendo o seu espírito tradicional e a súa ampla variedade de actividades culturais.
Segundo informan desde a organización, a programación será semellante á do ano pasado, combinando música, tradición e participación popular.
Así, o festival contará con actuacións musicais, cantos de taberna, mostra de artesanía, carreira popular, exposición de instrumentos de música tradicional, obradoiros, espectáculos infantís e moitas outras propostas para todos os públicos.
O que se coñece xa é o cartel, que realizou Estudo Aldea, habituais desta cita coa música galega.
O Festival de Pardiñas consolidouse como un dos eventos culturais máis emblemáticos de Galicia, sendo un punto de encontro para amantes da música e das tradicións populares, nun ambiente festivo e familiar.
A organización comezou a debullar o cartel deste ano avanzando dous grupos que estarán no apartado musical do festival de Parga.
Por unha banda estará Opsa Dehëli, un grupo de Burdeos composto por 11 instrumentistas que levan máis de 400 concertos ás súas costas por toda Europa e América. Chegan a Galicia por primeira vez co seu cuarto álbum, estreado no mes de xuño.
Tamén estará a Banda das Crechas, banda sonora que leva máis de 30 anos en activo mantendo viva a emoción da foliada.
