O Festival de Pardiñas volve deixar un gran sabor de boca nunha fin de semana único

TerraChaXa
Ao mediodía foron entregados os premios do concurso de creación infantil e xuvenil no que se presentaron 1200 traballos
festival-de-pardinas
4 Aug 2025

O Festival de Pardiñas celebrou a súa XLVI edición cunha especial homenaxe á tradición oral e á música popular galega. Richi Casás, músico e pregoeiro deste ano, destacou no seu orixinal pregón "medio falado, medio cantado" a importancia do legado musical que herdou da súa avoa Rosa e da súa madriña Adolfina, así como doutras mulleres que conservaron a tradición cantada e a poesía popular. No seu discurso, puxo en valor a forza das mulleres transmisoras da nosa cultura e da nosa lingua, como as cantareiras homenaxeadas polas Letras Galegas, Jenni e Hadri Felpete, coas que compartiu escenario.

O festival, organizado por Xermolos, converteuse nun espazo interxeracional que mesturou tradición e futuro. Houbo espectáculos musicais, concertos, encontros como a Regueifa na Chá, actuacións escolares e obradoiros, así como unha chea de actividades culturais que animaron Guitiriz durante a fin de semana. As Pandereteiras Raigañas puxeron a bailar ao público, e o lema "Con voz ou sen ela… Pardiñas dáme a vida!" resoou con forza entre as persoas asistentes.

A cita de Guitiriz foi máis ca nunca un auténtico encontro interxeracional, un "fervedoiro de xentes de aquí e de acolá", tal como destacou Casás, onde se defendeu a oralidade como un valor fundamental para manter viva a cultura.

Ademais, a deputada de Cultura Iria Castro asistiu á lectura do pregón do Festival de Pardiñas, a cargo das cantareiras Jenni e Hadri Felpete, e do mestre e músico Richi Casás, e á entrega de premios do Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil, ao que se presentaron 1.200 traballos de alumnas e alumnos de centros educativos, a maioría deles das comarcas da Terra Chá, Lugo e As Pontes.

O acto celebrouse na última xornada, que encheu de música, baile e bo ambiente o campo da feira de Parga, en Guitiriz, con concertos de grupos e músicos de Galiza, Escocia, Francia, Arxentina e Colombia, ademais de obradoiros, recitais, proxeccións e deporte popular.

A XXXII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, promovida pola Asociación de Gaiteirxs Galegxs, e unha Mostra de Artesanía completaron o recinto do festival, que contou un ano máis coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.16472601890564