O festival 'De volta a Ítaca' procura apoio para a recuperación da Casa de Díaz Castro
"De volta a Ítaca" agarda Penélope a Ulises na Odisea de Homero. E ese mesmo nome é o que lle da a Federación de Asociacións chairegas a un festival que celebrará o sábado 30 de setembro en Castro de Rei.
É que Penélope é o poemario máis destacado de Díaz Castro e á recuperación da súa casa natal da man da Asociación Cultural Xermolos para convertela na "casa da xente" diríxese esta iniciativa que conta coa colaboración das asociacións integrantes de As FeAs e o Concello de Castro de Rei, ademais de persoeiros individuais.
O propósito principal do festival é o de dar visibilidade á situación ruinosa da casa de Xosé María Díaz Castro no Vilariño e á necesidade da súa reforma de cara a súa conversión nun espazo aberto á cidadanía que sirva como punto de encontro e actividade das distintas asociacións, segundo defenden dende Xermolos. Nese sentido, preténdense recadar fondos a través da poxa de distintas obras, a venda de camisetas ou a través de doazóns.
A xornada comezará arredor das doce do mediodía coa saída de dous roteiros dende Muimenta e a Ponte de Outeiro ou dende o Castro de Viladonga cara a Castro de Rei. Xa á unha está prevista unha sesión vermú con cantos de taberna e música tradicional. Os encargados de animar a xornada antes do xantar popular serán Amigos do Caldeiro, Gaia Pandereteiras e Xaora.
Ao longo da tarde haberá diversas actividades para pequenos e maiores: maxia con Antonciño, un Aberto de Billarda, teatro con Marionetas Trécola e xogos tradicionais con Xotramu. Tamén se desenvolverán diversas intervencións poéticas e mesmo Rochi Novoa musicará poemas.
Xa á noitiña terán lugar as actuacións musicais de Mini e Mero, Ulträqäns, Güintervan e dj Sapoconcho sem poncho, ata rematar cunha foliada aberta.
As actividades desenvolveranse na Área Recreativa do río Azúmara agás que o tempo non acompañe. Nese caso, serán trasladadas ao centro social de Castro de Rei.