O Festival Mundial do Ilusionismo percorrerá 17 concellos da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona percorrerá 17 concellos lucenses desde o vindeiro 3 de agosto ata o 3 de setembro.
maxia galicia xacobeo provincia
26 Xul 2022

O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona percorrerá 17 concellos lucenses desde o vindeiro 3 de agosto ata o 3 de setembro, con outras tantas actuacións de recoñecidos magos e magas. Da man do Xacobeo 21-22, a Xunta de Galicia levará por toda a provincia distintos espectáculos de maxia de preto, extrema, maxia na rúa, solidaria e unha gran gala, coa presencia de sete dos mellores magos e magas a nivel mundial.

Na presentación deste evento, Javier Arias estivo acompañado polos dous directores deste festival, os magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo, encargados de deseñar un programa con máis de 220 actuacións en máis de cen concellos galegos.

A gran gala máxica internacional será un dos pratos fortes deste festival, que en Lugo terá lugar o 3 de setembro no auditorio Gustavo Freire e que contará coa presencia de sete dos mellores magos e magas do panorama internacional, encargados de traer ata Lugo actuacións de maxia de preto, escapismo, maxia de gran formato, telequinese, mentalismo, poesía máxica ou ilusionismo infantil. A gran gala máxica será o único espectáculo deste festival para o que se precise entrada, aínda que o custo é reducido, cun prezo único de 12 euros, para as entradas que xa están á venda en www.galiciailusiona.es.

A outra gran actuación, prevista para o 24 de agosto, tamén na cidade de Lugo, será na Rúa da Raíña, ata onde levará o seu espectáculo de maxia extrema Víctor Cerro, considerado un dos mellores escapistas do mundo e record mundial en maxia extrema. O reto estará presentado polo xornalista deportivo Terio Carrea e terá como protagonista  un vehículo de gran cilindrada.

Ademais de na cidade de Lugo, Galicia Ilusiona levará a maxia ata outros 16 concellos nos que actuarán algúns dos mellores ilusionistas actuais como o Mago Teto, Nacho Samena, Patri Zenner e Roberto Lolo. Todos eles levarán a súa maxia ata Burela, Chantada, Cervo, Castro de Rei, Foz, Cospeito, Guitiriz, Friol, Monforte de Lemos, Sober, Outeiro de Rei, Monterroso, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Todos estes concellos acollerán espectáculos de balde de maxia na rúa, desde o 3 de agosto ata primeiros de setembro, un mes que tamén celebrará unha xornada de maxia solidaria, programada para o día 2 no Hula, entre o vindeiro 3 de agosto e o 3 de setembro, unha data na que serán os propios magos os que se acheguen ás plantas de pediatría, onde representarán os seus mellores xogos de maxia.

0.18496012687683