O festival Rumboia Viva presenta a súa programación para a cita de xuño


A organización do festival cultural Rumboia Viva de Abadín, que se celebrará na localidade o 28 de xuño e conta co apoio da Xunta de Galicia, presentou hoxe o seu programa, acompañados polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias.
Arias gabou o traballo da asociación xuvenil A Rumboia para artellar unha programación que “pon en valor o talento dos grupos e artistas galegos, e actúa como elemento dinamizador do turismo e da economía local”.
O acto de presentación converteuse tamén nunha conmemoración do Día das Letras Galegas, coa proxección do documental Lévame a idea, un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega ás que se dedica este ano a efeméride. Acudiron como invitados alumnos e alumnas do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño e usuarios do Centro de Día da localidade.
O primeiro artista que se confirmou foi Abril, o dúo formado por Claudia Abril e Marina Carpente, que levarán a Gontán a tradición renovada e os sons de raíz. O dúo folk galego lanzou a súa nova creación, Arredor da Mesa, unha canción que homenaxea a amizade a través de sons que fusionan tradición e modernidade.
No programa tamén estará Aiko El Grupo, coa súa enerxía punk-pop cargada de frescura, rabia e actitude.
Sumáronse tamén esta primavera varios nomes máis, como De Ninghures, Rebeliom do Inframundo ou o grupo local Batifoula. Tamén estará a DJ Rapante para os intermedios e o fin de festa desta edición estará a cargo dunha fusión entre A Mariña e A Terra Chá da man de Somiiux e 2Paz.
Está previsto un obradoiro de baile, a cargo de Hadrián de Ninghures, e unha cata de viños en cunca con comentarios de Antonio Reigosa. Non faltará o mercado de artesanía, que conta xa con 25 postos, así como postos de comida e unha food truck. Para os pequenos estará Paporrubio e os seus xogos.
Este ano o Festival Rumboia Viva presenta unha nova imaxe, ideada por Nahum Martínez Blanco coa que representar "a celebración da amizade, da música e da cultura".
CONSULTA O PROGRAMA AO DETALLE EN OCIOENLUGO.COM
