O FIV de Vilalba abre o prazo para reservar parcelas de acampada

A organización do Festival Independente de Vilalba (FIV) pon en marcha hoxe, mércores, a partir das 12.00 horas, o período de reserva das parcelas na zona de acampada de cara á próxima edición do evento.
Como en anos anteriores, o espazo habilitado para os asistentes situarase no pavillón do CEIP Antonio Insua Bermúdez e tamén no estadio de Roca, onde se acondicionarán as áreas destinadas ao descanso dos festivaleiros.
Cada parcela permitirá instalar unha tenda de campaña e estará pensada para un máximo de catro persoas. Nesta ocasión, o uso desta zona terá un custo de 15 euros, aos que haberá que sumar os gastos de xestión, sendo a primeira vez que se establece unha tarifa para acceder a este servizo.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa reserva a través da páxina web oficial do festival, onde tamén se ofrece información detallada sobre as condicións e características da acampada.
A decimonovena edición do FIV celebrarase os días 24 e 25 de abril e contará cun cartel no que figuran artistas e grupos como La M.O.D.A., Carlos Ares, Alcalá Norte, Ángel Stanich, Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Grande Osso, Rapariga DJ, Futuro Alcalde e a Banda de Música de Vilalba.