O FIV de Vilalba abrirá este venres a venda dos primeiros abonos cunha promoción especial de lanzamento

TerraChaXa
A promoción estará activa unicamente entre as 10.00 e as 22.00 horas, na que o público poderá adquirir un dos 2.000 abonos
FIV-VILALBA-20222
25 Nov 2025

Vilalba prepárase para o FIV 2026, que celebrará a súa décimo novena edición os días 24 e 25 de abril. Este venres, o Concello e a promotora I-Radia Crea poñerán á venda os primeiros abonos do festival, coincidindo cunha campaña especial bautizada como Fiver Friday, que ofrecerá prezos reducidos durante un tempo limitado.

A promoción estará activa unicamente o venres 28, entre as 10.00 e as 22.00 horas, unha xanela de doce horas na que o público poderá adquirir un dos 2.000 abonos dispoñibles a un prezo máis baixo do habitual. Tanto o importe desta oferta como dos seguintes tramos de venda faranse públicos o xoves previo.

A organización destaca que esta iniciativa representa a primeira oportunidade para asegurar o acceso ao evento, unha cita que cada ano esperta grande expectación entre a súa comunidade de seguidores. Non é raro que os primeiros abonos —os máis económicos— se esgoten en apenas uns minutos, polo que nesta ocasión optouse por lanzar un cupo máis amplo dentro da promoción especial.

O FIV manterá o seu formato habitual, combinando dous días de concertos con encontros, actividades paralelas, sesións DJ e actuacións abertas á veciñanza, consolidándose como un dos eventos musicais máis importantes da comarca e da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.072505950927734