O FIV presenta o seu cartel ao completo para a edición do 25 e 26 de abril

TerraChaXa
Inclúe as actuacións de Varry Brava, Joe Crepúsculo, Cycle, Shinova, León Benavente, The Rapants, Leria, Galician Army, Juancasupersub DJ Set e Grande Osso
fiv-vilalba-todos
4 Feb 2025

O FIV de Vilalba, un dos eventos máis especiais da música independente en Galicia, anunciou o seu cartel completo nunha presentación na Delegación Provincial da Xunta de Galicia en Lugo. O grupo de indie pop Varry Brava, con máis de dez anos de traxectoria na primeira liña da escena musical nacional; o cantautor catalán Joe Crepúsculo e banda Cycle, de xira polo seu 20 aniversario, son os nomes que se engaden a unha proposta na que xa se presentaron Shinova, León Benavente, The Rapants ou Leria. O Escenario Vibra Mahou acollerá parte desta programación, que se completará cos DJS Galician Army, Juancasupersub DJ Set e os lucenses Grande Osso.

Na presentación da programación o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou a colaboración do Goberno galego co festival vilalbés, "que cada ano reforza o seu poder de convocatoria e supón un importante revulsivo para a economía local". Tamén subliñou o impulso á participación de bandas galegas co apoio da Xunta, que fomenta a contratación de artistas da comunidade en festivais de música. “Desta forma dáselle visibilidade ao talento galego en citas estratéxicas como é o FIV”, concluíu.

Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba sinalou que agarda que o FIV “se consolide como un novo éxito e, sobre todo, que os fivers aproveiten para coñecer a nosa vila e a súa riqueza cultural, gastronómica e natural, estou segura que Vilalba non os deixará indiferentes". Pola súa banda, Carlos Montilla, director do festival e da promotora i-radia Crea puxo en valor a aposta por facer un festival que “mantén o seu espírito de acoller a grandes bandas nacionais xunto a grupos emerxentes e apostando tamén polo talento galego como sinal de identidade. Ademais, coa singularidade de facelo nunha pequena vila lucense, cando a tendencia actual é facer grandes eventos en cidades”

O sábado 26, como é habitual, a festa trasladarase á Praza de Concello para unha sesión vermú na que o público poderá gozar do Karaoke FIV Stars. Por outra banda, a organización anunciou que pronto estará dispoñible o Abono Camping.

O FIV de Vilalba é un dos eventos máis esperados polos amantes da música de Galicia, ano a ano a vila énchese de fivers dispostos a gozar da mellor música, con actividades tamén durante o día ou iniciativas que implican ao comercio local. Con 18 edicións de historia ofrece desde Vilalba unha proposta que mestura grandes nomes da música nacional con novas bandas, destacando o talento galego. Os primeiros abonos para o evento, o abono Fiver, esgotouse en poucos minutos. O abono xeral segue dispoñible na páxina web do evento.

O festival conta co apoio do Concello de Vilalba, Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Vibra Mahou -a plataforma de Mahou Cinco Estrellas que conecta a artistas e público en torno á música en vivo-.

O cartel do FIV desta edición inclúe as actuacións de Varry Brava, Joe Crepúsculo, Cycle, Shinova, León Benavente, The Rapants e Leria. Como DJs completan o programa Galician Army, Juancasupersub DJ Set e os lucenses Grande Osso.

cartel-fiv-2025
0.17383098602295