O FIV presenta o seu cartel por días da edición do 25 e 26 de abril

TerraChaXa
Comezarán con Varry Brava, The Rapants, Joe Crepúsculo, Adrián Timms e Galician Army
fiv-vilalba-todos
20 Feb 2025

O FIV de Vilalba, un dos eventos máis especiais da música independente en Galicia, anunciou o seu cartel xa repartido por días. O grupo de indie pop Varry Brava, con máis de dez anos de traxectoria na primeira liña da escena musical nacional; o cantautor catalán Joe Crepúsculo e banda Cycle, de xira polo seu 20 aniversario, son os nomes que se engaden a unha proposta na que xa se presentaron Shinova, León Benavente, The Rapants ou Leria. O Escenario Vibra Mahou acollerá parte desta programación, que se completará cos DJS Galician Army, Juancasupersub DJ Set e os lucenses Grande Osso.

O venres 25 será a quenda de Varry Brava, The Rapants, Joe Crepúsculo, Adrián Timms e Galician Army, mentres que o sábado 26 subirán ao escenario Shinova, León Benavente, Cycle, Banda de Música de Vilalba, Leria, Juancasupersub DJ Set, Grande Osso e Karaoke FIV Stars.

O sábado 26, como é habitual, a festa trasladarase á Praza de Concello para unha sesión vermú na que o público poderá gozar do Karaoke FIV Stars. Por outra banda, a organización anunciou que pronto estará dispoñible o Abono Camping.

O FIV de Vilalba é un dos eventos máis esperados polos amantes da música de Galicia, ano a ano a vila énchese de fivers dispostos a gozar da mellor música, con actividades tamén durante o día ou iniciativas que implican ao comercio local. Con 18 edicións de historia ofrece desde Vilalba unha proposta que mestura grandes nomes da música nacional con novas bandas, destacando o talento galego. Os primeiros abonos para o evento, o abono Fiver, esgotouse en poucos minutos. O abono xeral segue dispoñible na páxina web do evento.

O festival conta co apoio do Concello de Vilalba, Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Vibra Mahou -a plataforma de Mahou Cinco Estrellas que conecta a artistas e público en torno á música en vivo-.

cartel-fiv-por-dias
0.17068719863892