O FSF Castro e o Melilla dedicarán un partido á loita contra a violencia de xénero

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación do próximo partido da Primeira División feminina de fútbol sala entre o FSF Castro e o Melilla CD Torreblanca, que estará adicado á campaña NON á violencia de xénero, promovida pola Xunta a través da Secretaría Xeral para o Deporte.
O encontro disputarase este sábado, 1 de novembro, ás 19,30 horas no pavillón de Castro. Arias agradeceu a intervención do equipo nesta iniciativa que promove cada ano a Xunta dentro dos actos do 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A campaña volve contar coa implicación dos conxuntos femininos lucenses que compiten na máxima categoría nas súas respectivas disciplinas. Así, o Burela FS adicou o partido do pasado sábado fronte a Les Corts aos valores da igualdade, que tamén estarán presentes en próximos encontros que disputarán o Club de Voleibol Emevé e o e club de baloncesto Ensino.
Arias puxo en valor o papel do deporte para fomentar a igualdade e salientou que a Xunta seguirá impulsando medidas de prevención e sensibilización contra a violencia machista en todos os ámbitos da sociedade.
