O Fuciño do Porco contará este verán cun sistema de visitas con cita previa
O Concello do Vicedo vén de poñer en marcha unha nova páxina web para a regulación do número de visitantes ao Fuciño do Porco.
Así, a partir do vindeiro de xullo todos aqueles interesados en visitar Punta Socastro neste período estival é o Fuciño, deberán facelo mediante un sistema de cita previa semellante por exemplo ó xa implantado na Praia das Catedrais de Ribadeo.
A web é puntafucinodoporco.gal e o acceso estará limitado a un máximo de 25 persoas cada 45 minutos, é dicir, unhas 425 ao longo do día.
É importante recalcar que esta restrición cínguese exclusivamente ao tramo que vai dende un pouco antes do comezo do tramo de pasarelas entre cantís ata a baliza marítima que da remate ao percorrido, aproximadamente, os últimos 600 metros do total dos 1,9 km desta ruta (3,8 km ida e volta).
Haberá persoal contratado polo Concello exclusivamente para este fin e encargarase de facer respectar o cumprimento tanto das normas hixiénico-sanitarias como de controlar o acceso dende as 9 da mañá ata as 9 da noite de luns a domingo. Os visitantes poderán portar as súas autorizacións de paso neste último tramo ben en formato papel ou de forma dixital grazas ao correo de confirmación recibido cos datos da reserva unha vez rematada a súa xestión.
O Fuciño do Porco é un enclave turístico que se converteu en apenas uns anos nun dos dous puntos máis visitados polo turismo de toda A Mariña lucense, xunto coa praia das Catedrais. Parece polo tanto conveniente e responsable, optar por medidas como a actual para velar pola seguridade e desfrute de tódolos nosos visitantes.