“O futuro para nós consiste en formar persoas que teñan moito que achegar”

TerraChaXa
Eva Blanco, directora do CEIP A Magdalena, que cumpre 50 anos de vida e o festexa cunha gran festa
colexio-a-magdalena-as-pontes
30 Mar 2025

O colexio da Magdalena celebrará este mes de abril o seu medio século de vida, para o que a dirección, a cargo de Eva Blanco, preparou unha serie de actividades.

Podería avanzar os un pouco o programa da celebración dos 50 anos?

O día 5 de abril abriremos as portas do centro a todas as persoas que teñen ou nalgún momento da súa vida tiveron, relación co CEIP A Magdalena. No interior do centro haberá exposicións fotográficas e de obxectos variados. Cerca do mediodía farase unha sesión vermú amenizada con música tradicional. Logo realizarase un xantar popular, no que contamos coa asistencia de centos de persoas. Pola tarde haberá animación infantil e máis música. Pretendemos que sexa unha xornada divertida, de reencontros e moita amizade e compañeirismo.

E como foron estes 50 anos? Que cambios e evolución se produciu?

Eu, que fun alumna deste centro nos anos noventa teño unha perspectiva dende ámbolos dous lados. O meu recordo como alumna é o dun cole moi grande, ateigado de nenos, moito barullo e carreiras, moitas carreiras... cando retornei como mestra a principios da década de 2010 o número de alumnos era moito menor, un cole máis familiar. Pero cando volvín entrar no cole logo dese tempo, todo seguía a parecer igual: os corredores, as aulas, os patios... Un pouco máis adiante, coa unificación co CPI Monte Caxado no ano 2017 volvemos ser un centro grande, con preto de 400 alumnos, que aínda na actualidade conservamos. A Magdalena sempre foi o centro de referencia para as familias que precisaban do servizo de comedor e transporte escolar, entre os centros da contorna somos os únicos que ofertamos eses servizos. A evolución do cole foi parella á da sociedade imaxino, pasando dun ensino máis tradicional a outro con máis presenza das novas tecnoloxías.  Non se pode negar tampouco que o alumnado de hoxe en día é moi diferente ao de décadas atrás, teñen unhas inquedanzas e intereses do máis variados e dende o cole sempre se trata de atender esas demandas.

Que características ten este centro a nivel educativo ou de organización?

Penso que o que nos diferencia dos demais centros da contorna son precisamente os servizos de comedor e transporte, que nos outros centros non se ofertan. Contamos con máis do dobre de alumnado que os outros, penso que en relación directa a esta oferta. Temos un horario de apertura máis amplo e iso sempre axuda á conciliación familiar, unha cuestión moi complicada hoxe en día. As familias que o precisen poden deixar no centro aos nenos arredor das 8 da mañá e recollelos ás 16:30, toda unha xornada laboral, vaia.
Cantos alumnos estudan actualmente e como foi a evolución do alumnado?
Durante o curso actual contamos con 385 alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Nos últimos cursos esta cifra mantense, con poucas variacións. Tamén é certo que ao longo do curso adoitan chegar novos alumnos e outros marchan, por cuestións variadas.

Canto profesorado teñen? É da zona?

Actualmente contamos con 33 mestres e mestras. Somos moitos os que somos da zona, arredor dun 50%, e queremos rematar aquí a nosa vida laboral, pero tamén hai xente de Lugo, Ferrol/Narón e A Coruña principalmente. Cabe dicir que cada curso parte do profesorado vai cambiando, ao non ter aquí o seu destino definitivo ou querer aproximarse á súa zona de residencia.

Ademais do ensino propiamente dito, teñen actividades de convivencia coa comunidade?

Todos os anos preséntasenos algunha actividade con empresas ou asociacións da contorna. O curso pasado por exemplo, tivemos unha serie de actividades coa Asociación Talento Interxeneracional mediante as cales puxemos en contacto a persoas maiores co alumnado. Este curso temos previsto seguir facendo actividades con eles, posto que foi unha experiencia moi enriquecedora en ambos sentidos. Tamén estamos en contacto sempre cos outros coles da vila e levamos uns anos realizando unha xornada de convivencia de fin de curso.

Cales son os proxectos de futuro?

O futuro para nós consiste en seguir formando persoas que teñan moito que achegar á sociedade do futuro, tentando sacar o mellor de cada un dos alumnos que pase polo centro. O que eu sempre digo, os meus alumnos e alumnas poderían corroboralo, é que a nosa prioridade é tentar ensinar unha serie de valores e ferramentas ao alumnado, para que a sociedade do futuro estea repleta de boas persoas, porque é moi necesario.

Teñen algunha carencia ou necesidade?

Penso que estamos na liña de todos os centros de Galicia, sempre se pode mellorar a nivel profesorado, sobre todo para a atención do alumnado con calquera tipo de necesidades educativas especiais.

Como ven o futuro do centro?

Estamos convencidos de que o futuro do cole será bo. Somos un grupo de mestres con moitas ganas de traballar e de facer todo o posible para acadar o desenvolvemento integral do alumnado e penso que isto se percibe de portas afora. Posiblemente o número de alumnado se vaia reducindo á par que baixa a natalidade pero estou convencida de que seguiremos sendo un centro de referencia para moitas familias do Concello das Pontes.

⚙ Configurar cookies
0.63896489143372