O galeón afundido na ría de Ribadeo segue aportando datos señeiros

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 Ago 2019

Un equipo internacional de arqueólogos especializados en xacementos subacuáticos, coa axuda da Armada Española e co impulso da área de Patrimonio da Xunta que dotou esta recente campaña dunha inversión de 21.000 euros, investigou o estado do galeón do século XVI afundido na ría de Ribadeo.

Os estudos permitirán avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española da época do Descubrimento.

O arqueólogo principal desta investigación, Miguel San Claudio, especificou que estudaron a quilla do barco que está afundido xusto diante do peirao comercial ribadense e tapado cunha malla dende que o propio San Claudio o descubrira hai máis de cinco anos no trancurso dunha dragaxe.

O arqueólogo asegura que estudaron non só a quilla, senón os demais elementos constructivos e a composición do barco, que se atopa en bastante bo estado grazas á protección que a area lle forneceu durante séculos.

No proxecto colaboran expertos da Armada, da Universidade de Texas, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas ou CSIC, outro equipo británico de arqueoloxía e a Universidade de Lisboa. En total foron 15 persoas as que traballaron na campaña sobre o pecio este verán, quedando a durmir e vivir en Ribadeo durante todo ese tempo, durante máis de 21 días de traballo.

O galeón é posiblemente o mellor conservado do século XVI que actualmente hai no mundo, segundo afirma San Claudio. Trátase do San Giacomo de Galiza e probablemente data do 1597.

O grande risco ao que se enfronta agora o xacecemento afundido é o feito de que se está perdendo a area que o recobre, polo que empeza a estar máis exposto, por iso San Claudio urxe á Administración competente a cobrir cunha malla as partes expostas á degradación do mar.

Parte da madeira extraída para analizar levouse para maior profundización aos laboratorios da universidade Trinity Saint David de Gales.

Os especialistas calculan ter os primeiros resultados desta campaña entre setembro e outubro de xeito que se podan concretar as datas probables posteriores á construción respecto das pezas pertencentes a elementos auxiliares, sobre todo, as móbiles.

Sobre a posta en valor de pecio hai ideas e propostas, como por exemplo, a de poñer o vídeo de como está, na oficina de turismo para todo aquel que visite Ribadeo, a falta de maiores ideas, como as inmersións ao lugar para velo in situ. En calqueira caso, a posta en valor do xacemento corre a cargo das autoridades competentes, neste caso Patrimonio, da Xunta.

Os expertos agradeceron non só a campaña financiada pola Administración galega, senón tamén todo o apoio que recibiron por parte do Concello de Ribadeo e agardan de feito poder en breve expoñer na vila ribadense os seus achádegos.

CAMPAÑA. A Consellería de Cultura e Turismo empregou un total de 21.000 euros na máis recente campaña da intervención integral que se vén efectuando no galeón San Giacomo dei Galizia, en Ribadeo. Nesta ocasión acometéuse unha sondaxe arqueolóxica no pecio, co obxecto de avanzar no coñecemento da arquitectura naval da Coroa Española e dos grandes buques militares dese momento. A actuación inicióuse no mes de xuño e durou practicamente un mes.

O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a aportar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI. Neste sentido, cómpre lembrar que foron moi poucas as ocasións nas que se puideron estudar embarcacións españolas da época, e nunca no estado de conservación e da categoría do buque que nos ocupa.

Comprender este proceso é de capital transcendencia no estudo da historia naval mundial, pois será a partir dos avances na arquitectura naval hispano-portuguesa do século XVI cando se produza a expansión marítima europea, que ao cabo permitiu a este continente exercer un dominio neste eido durante séculos.

O equipo técnico que participou nesta campaña conformárono profesores universitarios e investigadores de prestixiosas institucións científicas internacionais, cunha dilatada experiencia na xestión e dirección de proxectos de arqueoloxía subacuática ao longo de todo o continente europeo e americano. Contouse, asemade, coa achega da Armada, que en todo momento se amosou disposta a colaborar nesta actividade científica.

ANTERIORES INVESTIGACIÓNS. A campaña de 2018, desenvolvida en Ribadeo entre o 11 e 22 de xuño, permitiu obter información relevante sobre a parte soterrada baixo o sedimento que se conserva deste pecio. Para aquelo, executáronse dúas sondaxes en puntos diferentes do xacemento que posibilitaron coñecer tanto a entidade dos restos conservados baixo o sedimento, como a presenza de cultura material englobada no mesmo. Ademais, xeorreferenciouse e caracterizouse un pecio próximo, sito ao noroeste do galeón, e recuperáronse algúns obxectos.

As sondaxes realizadas no pecio constataron a conservación dunha gran cantidade de madeira estrutural en conexión pertencente a este gran galeón de combate, botado en Castellammare di Stabia nos anos centrais da última década do século XVI. Acreditouse así mesmo a existencia dun estrato arqueoloxicamente fértil que conserva no seu interior numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante.

Aínda que o obxectivo da intervención non estaba na recuperación de pezas pois, salvo que estean en risco de espolio, no mar se atopan nunha situación estable e sacalas implica sometelas a unha custosa restauración de resultados en moitas ocasións incertos, nesta ocasión se extraeron arredor de vinte pezas (botixas, potes de cobre, balas de canón etc.) que na actualidade están depositadas no Museo do Mar de Vigo á espera da súa restauración.

As diferentes actuacións levadas a cabo neste xacemento consistiron na toma de datos para a conservación e o estudo dendrocronolóxico para a datación dos restos. Aínda que ambas tarefas resultaron relevantes para o coñecemento científico do xacemento, na actualidade está a traballarse nun estudo integral do pecio. Unha tarefa que está a permitir afondar no coñecemento do estado de conservación e o alcance da estrutura conservada; así como realizar traballos complementarios para completar os traballos de rexistro e documentación dos restos visibles.

En canto á conservación actual do buque, ao longo de todos estes anos tense constatado que o sedimento do fondo é altamente dinámico, cunha capa de area superficial que se despraza por efecto das correntes. Na actualidade, como sinala a Xunta, o sistema de cubrición mediante malla tridimensional aplicado sobre determinados puntos do pecio demostrouse moi eficaz, estando todos eles cubertos desde o ano 2012 en case a súa totalidade.

0.15747213363647