O GDR Comarca de Lugo aproba a renovación dos parques infantís de Friol con axudas Leader

LugoXa | TerraChaXa
O Concello recibirá unha axuda total de 148.626,87 euros, que deberá executarse antes do 15 de xullo de 2026
parques-infantis-friol
16 Sep 2025

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo celebrou hoxe unha xunta directiva na que se aprobou a proposta de resolución das solicitudes de axuda presentadas ata o 30 de maio de 2025. Entre os proxectos aprobados atópase o presentado polo Concello de Friol, que contempla a renovación integral dos parques infantís Rosalía de Castro e Félix Rodríguez de la Fuente, situados no centro do municipio.

As obras inclúen a substitución do pavimento actual por un chan continuo de caucho máis seguro e de fácil mantemento, a instalación de novos xogos infantís elaborados con materiais sostibles e adaptados a diferentes idades, incluíndo columpios inclusivos e zonas de escalada, a mellora da accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas, a rehabilitación do mobiliario urbano e a creación de espazos de sombra con árbores autóctonas e pérgolas para maior confort en épocas de calor.

O presidente do GDR Comarca de Lugo e alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou que “con este tipo de iniciativas impulsamos a mellora dos espazos públicos e fomentamos o benestar da veciñanza, especialmente dos máis pequenos, que gozarán de áreas de xogo máis seguras e modernas”. O rexedor engadiu que “esta inversión supón un paso fundamental para mellorar a calidade de vida das nosas familias. Agradecemos o apoio de Agader e da Consellería do Medio Rural, especialmente da conselleira María José Gómez, pola súa sensibilidade e apoio constante para cubrir as necesidades do rural, neste caso a través do Leader, que mediante o GDR nos permite renovar estes parques emblemáticos para a infancia do noso municipio”.

O Concello de Friol recibirá unha axuda total de 148.626,87 euros, que deberá executarse antes do 15 de xullo de 2026. Nas próximas semanas, o GDR procederá tamén á aprobación de novas axudas para proxectos produtivos presentados polos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo, Guntín, Friol, Rábade, Castroverde e a zona rural de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.10938596725464