O GDR Comarca de Lugo xestionou un investimento de case 6 millóns de euros

TerraChaXa | LugoXa
Elena Candia quere crear sinerxias entre o Concello de Lugo e o Grupo de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo, co obxectivo de crear e impulsar proxectos para asentar no rural lucense.
11 Xan 2023

Elena Candia quere crear sinerxias entre o Concello de Lugo e o Grupo de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo, co obxectivo de crear e impulsar proxectos para asentar no rural lucense.

A candidata á alcaldía de Lugo Elena Candia mantivo unha reunión de traballo co equipo técnico do Grupo de desenvolvemento da comarca de Lugo, con sede no Concello de Friol.

Candia  quixo coñecer de primeira man como traballa o GDR 4 ao cal pertence o Concello de Lugo, e as posibilidades que existen para subvencionar proxectos de carácter privado co fin de asentalos nas parroquias do municipio de Lugo, aproveitando así todos os recursos e instrumentos existentes e tentando frear así a sangría demográfica que sofre o rural.

No período de programación 2014-2020 que aínda se atopa en execución, os datos de compromiso de fondos supoñen a día de hoxe a totalidade dos fondos dispoñibles por un importe de 2.742.099€, o que dará lugar a unha inversión inducida de 5.622.710 € e dará a posibilidade de crear 24 empregos e a consolidación de outros  85 empregos no territorio do GDR Comarca de Lugo,  a través da axuda a 28 proxectos.

Segundo comenta o seu presidente, José A. Santos,  “dende este Grupo de Desenvolvemento Rural pretendemos axudar a que os emprendedores opten por estes territorios rurais para asentar os seus proxectos, para o que os asesoramos e os levamos dan man ata conseguir que sexa unha realidade o seu asentamento e a posta en marcha, así como tamén xestionamos as axudas Leader ás que poden optar segundo as condicións particulares de cada caso”.

Ademais, estas profesionais, tamén traballan na dinamización do territorio, para o que apostan por mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de estes concellos mediante o acercamento de actividades culturais, sociais e recreativas, como andainas, charlas de educación e saúde no deporte e a actividade física, e representacións teatrais, entre outras. Tamén cabe salientar o traballo de divulgación e concienciación na loita contra a violencia machista, participando en actividades vinculadas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O GDR 4 está tamén implicado en facer do territorio un Destino Turístico de Interese para o cal opta a alcanzar un Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) que profundice nas virtudes naturais e gastronómicas do mesmo.

En este 2022, a Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo, foi seleccionada como organización candidata a convertirse en entidade colaboradora na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027. 

Candia quixo facer referencia a que “recentemente foi aberta a convocatoria Leader con inicio 1 de xaneiro, coa que se poderá acceder a axudas para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, que conta con case 600.000 € para este GDR Comarca de Lugo, así como animar a posibles inversores con proxectos que teñan interese en instalalos no rural de Lugo e que cumpran os requisitos a que se informen no GDR dos pasos a dar coa finalidade de que sexan subvencionados por Agader”.

Este GDR 4 colabora na difusión da nova lei de recuperación de terras agrícolas. Tamén estivo inmerso en proxectos de cooperación con outros GDR de Galicia, cos que participou no proxecto de cooperación Nó Rural, que ten como obxectivo incentivar o retorno e a inserción laboral da xuventude no territorio ao que dan cobertura, fomentando o emprendemento e mellorando a empregabilidade. Tamén participou como colaborador no proxecto de cooperación Alimentos da Biosfera, que traballan en Reservas da Biosfera co obxectivo de mellorar o modelo alimentario nos comedores escolares, e como proxecto piloto organizaron dúas xornadas de produto local e ecolóxico no CPI Doutor López Suárez de Friol, no que participaron 215 escolares.

Esta anualidade este Grupo estréase como coordinador dun proxecto de cooperación xunto con outros GDR, de ordenación territorial da terra agraria a través do sistema de permutas, que tan bos resultados están dando no Concello de Friol.

A Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo é o único punto multiplicador Eurodesk da provincia de Lugo, que é un servizo de información xuvenil sobre programas e iniciativas europeas.

Ademais é coordinado do Proxecto KA2 Erasmus+ “Rural Plus”, que é un proxecto de cooperación Erasmus+ integrado por partners de Finlandia, Chipre, Portugal, Italia e A Coruña e que ten unha duración de dous anos.

Elena Candia quedou sorprendida positivamente da gran labor e dos numerosos proxectos nos que están inmersos desde este grupo de desenvolvemento, así como, “ lamento que durante estes 7 anos que leva funcionando este GDR, desde o Concello de Lugo nunca mostrasen interese algún en presentar proxectos públicos ou en dar a coñecer a promotores de proxectos privados esta alternativa para que eses mesmos proxectos tiveran a posibilidade de ser subvencionados”.

“A labor que realiza este Grupo de Desenvolvemento é moi importante para atraer e asentar empresas, negocios e poboación, no rural, e neste caso, nos concellos que conformamos este grupo, polo que seguiremos loitando para que siga funcionando e conseguindo cumprir obxectivos” resalta o presidente de este GDR, Jose Á. Santos.

0.21154403686523