O GDR destinará este ano 600.000 euros ás axudas do 2025

TerraChaXa
O prazo para presentar as solicitudes será ata o 30 de maio
reunion-gdr-terra-cha
24 May 2025

Agader está a piques de pechar o prazo para solicitar as axudas de este año dentro do programa Leader 2023-2027, subvencións cofinanciadas no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC). Así o anunciou o presidente do GDR Terra Chá, José Antonio López Sierra, durante a reunión da Xunta Directiva da entidade.

Nesta convocatoria de 2025, o GDR Terra Chá disporá dun orzamento próximo aos 600.000 euros para beneficiar a proxectos de persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, asociacións privadas ou comunidades de montes e as súas mancomunidades, ademais de entidades públicas como concellos.

Estes fondos distribuiranse en tres tipoloxías de proxectos. Por unha banda, os proxectos produtivos, que afectan a persoas físicas e persoas xurídicas de carácter privado, que contarán cunha partida de arredor de 417.000 euros. Neste grupo inclúense investimentos en produción agraria primaria, proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios, forestais ou proxectos que supoñen a creación, modernización ou ampliación de empresas que desenvolvan actividades non agrarias.

Cada proxecto pode optar a un máximo de 150.000 euros sempre e cando non supere o 50 % do orzamento.

Dentro deste grupo inclúese unha novidade, o Bono Activa Rural, que está destinado a subvencionar actividades non agrarias en zonas rurais e que pode chegar a ser de 5.000 euros. “As axudas non están vinculadas ao gasto en investimentos, só ao mantemento da actividade e o cumprimento do plan empresarial”, explica López Sierra. Para solicitar este bono, hai que estar no paro e empadroado no concello onde se vai realizar a actividade por un mínimo de tres anos.

Unha segunda liña de axudas vai dirixida a proxectos non produtivos públicos, para iniciativas promovidas por entidades públicas, que teñen un interese público e colectivo. Esta variante disporá dun orzamento de 149.000 euros. O montante máximo da axuda para este tipo de proxecto é de 50.000 euros.

Finalmente, está a liña dos proxectos non produtivos privados, destinados a entidades sen ánimo lucro, comunidades de montes ou mancomunidades que non desenvolvan actividades económicas, e que terán un orzamento máximo de 30.000 euros, cun tope de 25.000 euros por proxecto.

Dentro dos non produtivos a porcentaxe da axuda dependerá de si son considerados de prioridade alta, media ou baixa, polo que pode ir desde o 35 % ata o 90 %.
Dentro das actividades subvencionables figuran a compra e mellora de terreos, naves, maquinaria, equipamento novo, programas informáticos, páxinas web ou medios e equipamento de transporte, estes últimos cumprindo determinados requisitos.

As persoas interesadas en recibir estas axudas dos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Riotorto, Xermade e Vilalba poden solicitar máis información nas oficinas do GDR Terra Chá, situadas na rúa Carmiña Prieto Rouco, s/n, 27800 Vilalba, ou chamando ao teléfono 982 51 23 69. Para solicitalas a actividade ten que desenvolve dun concello desta comarca.

O presidente da entidade lembra que as axudas son por concorrencia competitiva, polo que todos os proxectos contarán cunha puntuación que se establecerá en función duns baremos, aprobados por Agader, que son públicos e que poden consultarse na web terrachanaturalmente.org. Para optar ás axudas hai que ter un mínimo de 20 puntos.

O prazo para presentar as solicitudes será ata o 30 de maio (que é dun mes desde a súa publicación no DOG) e hai que presentalas electronicamente co procedemento MR701L.

⚙ Configurar cookies
0.14082813262939