O GDR reparte as axudas Leader 2025 e avanza unha gran convocatoria no 2026

A xunta directiva do GDR Terra Chá aprobou a concesión de preto de 600.000 euros en subvencións destinadas a apoiar proxectos produtivos e non produtivos de iniciativa privada, correspondentes á convocatoria Leader 2025-2026. Estas achegas súmanse ás xa validadas para os concellos da comarca, nunha nova inxección económica que busca dinamizar o tecido empresarial e social da Terra Chá.
Segundo explicou o presidente do grupo, José Antonio López Sierra, “trátase dunha convocatoria que reflicte o compromiso do GDR co desenvolvemento sostible do territorio, apostando polo emprendemento, a innovación e o mantemento do emprego no rural”. López Sierra avanzou ademais que para o 2026 está prevista unha convocatoria de axudas aínda maior, preto do millón de euros, polo que animou a pequenas empresas, autónomos, cooperativas, sociedades e asociacións sen ánimo de lucro “a presentar os seus proxectos e aproveitar esta oportunidade para facer medrar a Terra Chá”.
A parte máis importante das subvencións, que supera os 400.000 euros de axuda, destinarase a 13 iniciativas privadas —de 17 presentadas, xa que tres desistiron e unha obtivo ditame desfavorable— cun investimento global que ascende a 886.435 euros.
Entre os proxectos aprobados destacan cinco en Vilalba, catro en Cospeito e un en Begonte, Muras, Abadín e Pastoriza. As propostas de maior contía económica corresponden á creación dunha pensión en Muras e dun centro deportivo para competición ecuestre en Begonte, iniciativas que, segundo o presidente, “reforzan a oferta turística e deportiva da comarca e xeran novas oportunidades de emprego”.
Outros proxectos aprobados inclúen a posta en marcha dun obradoiro de marmelada de arandos en Cospeito, melloras de eficiencia enerxética nunha gandería e nunha empresa, así como axudas para a compra de maquinaria destinada ao tratamento de biomasa, ao envasado de queixo ao baleiro, á impresión téxtil e a distintos talleres de automoción.
En canto aos proxectos de iniciativa privada sen ánimo de lucro, o GDR apoiará tres actuacións cun total de 29.806 euros —para unha inversión global superior a 66.000 euros—: a creación dunha ruta da colonización, a instalación dun ascensor nun centro de atención a persoas maiores e a adecuación dun espazo para un centro de interpretación da imaxe e da paisaxe da Terra Chá.
Ademais, con cargo aos fondos Leader, catro concellos chairegos recibirán 149.000 euros para financiar proxectos municipais sen ánimo de lucro, cun investimento conxunto que supera os 200.000 euros. Entre eles, Begonte ampliará o local social de Illán; Abadín adaptará un edificio para uso público e deportivo; Castro de Rei mellorará a accesibilidade do centro de saúde; e Riotorto reformará unha vivenda para destinala a alugueiro social.
López Sierra destacou que, unha vez ratificada a proposta de axuda, “os proxectos executaranse ao longo do ano 2026”, e adiantou que a comezos do próximo exercicio se abrirá unha nova convocatoria dotada con máis dun millón de euros. “Queremos seguir acompañando á xente que aposta polo rural, porque cada proxecto aprobado é unha semente de futuro para a Terra Chá”, concluíu.