O GDR Terra Chá distribuirá preto de 750.000 euros en proxectos do rural
O GDR Terra Chá (Grupo de Desenvolvemento Rural) recibiu de Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dependente da Xunta de Galicia) unha achega de 742.260,40 euros que se destinarán a proxectos, dentro da convocatoria Leader, que se realicen nos concellos do territorio do GDR, e que neste caso corresponde aos de Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Riotorto, Vilalba e Xermade.
Este luns, 9 de xaneiro, reuniuse a nova Xunta Directiva do GDR-2 Terra Chá para distribuír os 742.260,40 euros do orzamentodo. Así 527.004,88 euros irán para proxectos produtivos, 148.452,08 para proxectos non produtivos de entidades públicas e 66.803,44 euros para proxectos non produtivos de entidades privadas.
O GDR lembra que o prazo para solicitar as axudas está aberto ata o 31 de xaneiro deste ano.
Así mesmo, o GDR Terra Chá recibíu axuda de Agader para participar en dous proxectos de cooperación con outros GDRs de Galicia. O primeiro proxecto é a Rede de Ecocomedores. O proxecto busca traballar con centros educativos para adaptar os menús ás novas recomendacións sanitarias, impulsando a inclusión nos mesmos do produto local, de tempada e ecolóxico.
O segundo proxecto en común é a Rede para animar á incorporación de persoas no sector primario. Trátase dunha iniciativa que acompañará á xuventude interesada en coñecer mellor as oportunidades que hai nos ámbitos rurais para desenvolver o seu proxecto profesional e persoal. O obxectivo é fomentar o emprendemento e a mellora da empregabilidade, conectándose as empresas das áreas rurais e o talento da xuventude e mellorando a coordinación e o traballos en rede das administracións.
Esta foi a primeira reunión que presidiu José Antonio López Sierra, que foi escollido o mes de decembro para presidir o GDR Terra Chá.