O GDR Comarca de Lugo distribuirá preto de 567.000 euros en proxectos do rural
O GDR Comarca de Lugo (Grupo de Desenvolvemento Rural) recibiu de Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dependente da Xunta de Galicia) unha achega de 566.989,26 euros que se destinarán a proxectos, dentro da convocatoria Leader, que se realicen nos concellos do territorio do GDR, e que neste caso corresponde aos de Friol, Lugo, Guntín, O Corgo, Castroverde, Outeiro de Rei e Rábade.
Este xoves, 12 de xaneiro, reuniuse a nova Xunta Directiva do GDR-4 Comarca de Lugo para distribuír os 566.989,26 euros do orzamento. Así 449.339,26 euros irán para proxectos produtivos, 100.000,00 para proxectos non produtivos de entidades públicas e 17.650,00 euros para proxectos non produtivos de entidades privadas.
A reunión estivo presidida polo alcalde de Friol, José Ángel Santos, quen lidera o colectivo nos últimos anos.
O GDR lembra que o prazo para solicitar as axudas está aberto ata o 31 de xaneiro deste ano.
As persoas que poderán beneficiarse destas axudas serán as persoas físicas e xurídicas de carácter privado, as entidades públicas de carácter local ou comarcal como concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores, e as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.
Serán subvencionables os proxectos que teñan encadramento na estratexia de desenvolvemento local de cada GDR, de forma que respondan ás prioridades e aos obxectivos especificamente recollidos na estratexia. Requírese que estean localizados no ámbito territorial do GDR; que sexan viables técnica, económica e financeiramente, para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos. Tamén requiren axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
Do mesmo xeito, non poden estar iniciados na data da presentación da solicitude de axuda. Para estes efectos, considérase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción. Tamén teñen que ser finalistas, é dicir, que á data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os que foron aprobados os proxectos. Non poderán subvencionarse fases dun proxecto que non constitúan unha actividade finalista.