O Goberno da Deputación atende a 271 maiores da comarca coa Teleasistencia gratuíta

TerraChaXa
A deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, avanzou este xoves que o Goberno da Deputación atende xa 1.
López Izquierdo visitaba unha usuaria do servizo de Teleasistencia Domiciliaria
23 Nov 2017

A deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, avanzou este xoves que o Goberno da Deputación atende xa 1.279 maiores de toda a provincia co seu servizo de Teleasistencia gratuíta. Con respecto ao ano pasado, son 411 lucenses máis os que contan con esta prestación provincial. López Izquierdo informou sobre este incremento no número de usuarios nun encontro cunha veciña do Saviñao de 88 anos que conta co mesmo. Este tivo lugar no domicilio da mesma, onde comprobaron, cunha traballadora social, o seu funcionamento mediante un simulacro. O Goberno da Deputación ten dispoñibles outras 276 prazas, pois financia con 300.000 euros un total de 1.555 prazas. Os interesados poden solicitalas en 982 260 138.

O Executivo Provincial renovou a Teleasistencia provincial, acadando un servizo máis social e profesional, e aumentou o número de prazas. Fíxoo debido á necesidade desta prestación nunha provincia coma Lugo, claramente envellecida e con déficit de servizos sociais por parte da Xunta, que é a administración galega coas competencias directas nesta materia.

Deste xeito, o Goberno da Deputación ofrece a custo cero a Teleasistencia provincial a todos os maiores dos municipios lucenses, sexan dependentes ou non, pero con dificultades en canto a súa autonomía. E faino porque a Xunta obriga ao copago da Teleasistencia autonómica, que só ofrece a persoas catalogadas hoxe como dependentes, deixando fóra a centos de maiores con limitacións porque non están recoñecidos como dependentes.

Un servizo máis social e profesional
En canto á gratuidade da Teleasistencia da Deputación, e profesionalizando a Teleasistencia cunha maior implicación dos traballadores; cómpre subliñar que o Goberno Provincial fixou que sexan os propios asistentes sociais os que valoren a situación de cada un dos demandantes desta prestación á hora de determinar se deben ser ou non usuarios co obxectivo de que conten coa Teleasistencia provincial todas as persoas que realmente a necesitan. Ditos profesionais fano in situ, en visitas aos propios domicilios dos posibles beneficiados, coñecendo de 1ª man a súa situación.

Facendo aínda máis social a Teleasistencia provincial, o Executivo Provincial incluíu, por primeira vez, baremos psicosociais e psicosanitarios na concesión das prazas. Deste xeito, tense en conta aspectos como o grao de soidade, a capacidade na toma de decisións, a situación familiar dos demandantes, o ámbito ou condicións da vivenda, se viven en lugares do rural illados, entre outros moitos aspectos.

271 prazas cubertas na Terra Chá
Os usuarios do servizo de Teleasistencia da Deputación son 1.279 persoas. Do total, o 81% son mulleres, 1.041; e o 19% homes, 237.

A comarca chairega conta con 271 persoas atendidas: 15 en Abadín, 20 na Pastoriza, 24 en Begonte, 25 en Castro de Rei, 14 en Cospeito, 12 en Friol, 24 en Guitiriz, 7 en Meira, 5 en Muras, 9 en Outeiro de Rei, 11 en Pol, 20 en Rábade, 2 en Riotorto, 56 en Vilalba e 27 en Xermade.

0.20922994613647