O Goberno da Deputación axuda con 50.000 euros a lucenses con Alzheimer a través dos colectivos da provincia

TerraChaXa
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, puxo de manifesto este xoves, Día Mundial do Alzheimer, o compromiso do Goberno da Deputación cos arredor de 10.
SONSOLES LOPEZ VISITA AFALU
21 sep 2017

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, puxo de manifesto este xoves, Día Mundial do Alzheimer, o compromiso do Goberno da Deputación cos arredor de 10.000 lucenses que sofren desta enfermidade neurodexenerativa. López Izquierdo avanzou que o Goberno da Deputación colabora con todos os colectivos da provincia que atende a lucenses con alzheimer, así como ás súas familias, cunha achega de 50.000 euros, que permite aos seguintes colectivos ofrecer atención profesional: AFA-Chantada, AFA-Monforte, AFA-Viveiro e AFA-LU.

Fíxoo nun encontro con membros da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFA-LU), colectivo que atende a máis dun cento de lucenses nos 2 centros cos que conta na capital luguesa, así como outros 3 en Friol, Vilalba e As Nogais, nos que traballan 35 profesionais: traballadores sociais, educadores sociais, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, psicólogos, nutricionistas, psicomotricistas, auxiliares de enfermería... López Izquierdo estivo con usuario de AFA-LU, así como coa Presidenta deste colectivo, Carmen Pena, ademais do Director e da Coordinadora dunha das unidade na cidade lucense, Valentín Calvín e Iria Franco, respectivamente.

A Deputada explicou “que aínda que os organismos provinciais non teñen as competencias nesta materia, dende este Goberno, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, cremos que é necesario axudar ás miles de persoas que sofren esta enfermidade e ás súas familias. Por iso, sumamos esforzos con todos os colectivos implicados neste eido que hai na provincia e que prestan atención profesional a través de, por exemplo, terapias de estimulación cognitiva e psicomotriz, obradoiros de memoria ou mesmo asistencia ás familias”.

Neste senso, López Izquierdo subliñou a “necesidade de que as administracións públicas coas competencias na materia destinen máis fondos para a investigación científica sobre esta enfermidade, así como para mellorar e dignificar a calidade de vida dos doentes e das súas familias”.

“Hoxe, no Día Mundial do Alzheimer, queremos dar visibilidade aos colectivos implicados na atención das persoas con esta enfermidade, así como as súas familias, que en moitas ocasións son as grandes esquecidas; e concienciar á cidadanía sobre a importancia de coñecer esta doenzas, que todos podemos sufrir. Dende o Goberno da Deputación sumámonos a vosa causa porque tamén é a nosa”, engadiu.

Lembrou, ademais, que a Deputación ofrece a maiores da provincia talleres de memoria ou de estimulación cognitiva, entre outras actividades totalmente gratuíta, a través do In Lugo, que é o primeiro centro de innovación social de Galicia. Tamén presta Teleasistencia a custe cero e Servizo a Domicilio a persoas non dependentes da provincia, facendo que o investimento para impulsar o benestar no conxunto do territorio lugués represente un dos principais investimentos da institución.

López Izquierdo informou que a Deputación súmase aos actos conmemorativos no Día Mundial do Alzheimer, tinguindo de morado a fachada da sede do Pazo de San Marcos.

0.22533106803894