O Goberno da Deputación condena os atentados terroristas de Barcelona e Cambrils
O Goberno da Deputación aprobou este venres unha declaración institucional en repulsa dos atentados de Barcelona e Cambrils, que tiveron lugar no día de onte, e en solidariedade cos familiares e amigos das vítimas. Así o informou o Presidente Provincial, Darío Campos Conde, logo do minuto de silencio convocado polo Goberno da Deputación, que tivo lugar este venres ás 12.00 horas na praza de San Marcos, e no que participaron Deputados do Goberno Provincial, así como autoridades, e técnicos provinciais.
Campos Conde, que destacou que a declaración foi aprobada por unanimidade pola Xunta de Goberno celebrada no día de hoxe, subliñou que “condenamos estes actos que non conducen a nada máis que a desestabilizar a democracia. Todas as persoas demócratas e que defenden a liberdade e o estado de dereito teñen que sumarse e ser solidarios con este tipo de actos. Temos que unir máis a sociedade e intentar, entre todos, que este tipo de actos non se volvan a producir”.
As bandeiras da Deputación de Lugo ondean a media asta dende este venres ata as 00:00 horas do día 20 de agosto, en sinal de dor ante o atentado perpetrado. Os actos oficiais quedan suspendidos tamén ata o vindeiro luns.
A declaración institucional que o Presidente da Deputación trasladou á Xunta de Goberno é a seguinte:
Hoxe é un día triste. Un día no que os dereitos e as liberdades das persoas vense coartadas polos actos detestables dun puñado de fanáticos que, amparándose nunha relixión e facendo unha libre interpretación das ensinanzas da mesma, actúan sanguinariamente contra aqueles que non pensan ou obran como eles.
Onte tivo lugar un atentado terrorista en Barcelona, en plena Rambla, a unha hora de máxima afluencia. As consecuencias ata o momento son nefastas con 13 persoas falecidas e case un centenar de feridos segundo os datos facilitados polas autoridades. E hoxe, de madrugada, tivo lugar en Cambrils outro ataque no que resultaron feridas outras 6 persoas.
O terrorismo é unha ameaza e todos debemos loitar contra ela axuntando esforzos. Desgraciadamente, neste país sabemos o que é o terrorismo de primeira man, pero este tipo de terrorismo yihadista atenta contra os cidadáns no mais profundo, intentando crear confusión e infundir medo; tratando de coartar as nosas decisións e establecendo un ambiente de pánico globalizado, xa que non se limitan a actuar nunha parte do mundo, senón que as súas barbaries teñen lugar en calquera lugar e en calquera momento.
Non hai xustificación para esta barbarie. Non existe relixión, fe ou crenza que a ampare. Simplemente son actos de persoas deshumanizadas e fanáticas de si mesmas e do poder que o terror que provocan infunde nos demais.
Por todo isto CONDENAMOS o atentado terrorista de Barcelona, así como o resto dos atentados cometidos ata o momento, e alentamos as nosas Forzas de Seguridade a que sigan facendo a súa labor protexendo aos cidadáns ante semellantes criminais e defendendo os nosos dereitos e liberdades.
Dende esta Deputación queremos expresar tamén o noso sentimento de dor ante o brutal atentado e dar o noso mais sentido pesar aos familiares e achegados dos falecidos así como desexar unha pronta recuperación dos feridos.