O Goberno de Muras acusa ao PP de "irresponsables" nas súas demandas de EPI's

TerraChaXa
O alcalde e o equipo de Goberno de Muras piden "prudencia e responsabilidade" ao Partido Popular  ante as "proclamas e escritos que está a trasladar aos veciños e veciñas do Concello".
10 Abr 2020

O alcalde e o equipo de Goberno de Muras piden "prudencia e responsabilidade" ao Partido Popular  ante as "proclamas e escritos que está a trasladar aos veciños e veciñas do Concello".
Respecto ao último escrito enviado pola edil municipal do PP no día de onte, na que instaba a repartir mascaras e EPI´s entre a veciñanza, como parece que fan noutros concellos populares, o equipo de Goberno, lembra que "a Vicepresidencia da Xunta pedía ao Ministerio do Interior un protocolo único no caso de que se amplíe a máis poboación a recomendación do uso das máscaras, non ten pois logo sentido, que Eugenia Requeijo pregoe e anime aos veciños a que pidan máscaras no Concello, cando na Xunta de Galicia non saben como actuar".
Aseguran que o Concello de Muras actuará con prudencia e sempre baixo criterios técnico sanitarios. "No Concello o material que vén da Xunta é escaso, e estase utilizando para os servizos básicos que está prestando o concello, persoal da propia administración, o SAF, ou a recollida de Lixo. As empresas adxudicatarias non son capaces de conseguilas no mercado, e nós temos que garantir que eses servizos se sigan prestando. Non sabemos canto pode durar esta situación, polo que compre ser prudentes”, engaden.
Lembran que aquelas persoas que se atopen nunha situación de risco e teñan que desprazarse obrigatoriamente fóra do seu fogar, deben poñerse en contacto cos Servizos sociais do concello, para facilitarlle o material que necesite, e daráselle sempre que estea xustificado. Tamén aqueles que non teñan medios para desprazarse ao Concello levaralles os medicamentos e alimentos si así o demandan.
"As actuacións irresponsables e imprudentes en situacións coma a actual non nos levan a ningures, a portavoz do Partido Popular debería comunicarse cos seus dirixentes, porque non pode pedir que o concello faga o que a Xunta non fai, porque non ten protocolo de actuación. Polo tanto pedimos prudencia e responsabilidade, seguimos traballando todos xuntos para a consecución dun obxetivo; gañarlle a batalla ao Covid-19".
Conclúen lembrando que a mellor protección é quedar na casa e evitar riscos innecesarios.

0.18986916542053