O Goberno de Outeiro de Rei aproba en solitario unha modificación de crédito para distintas actuacións

LugoXa | TerraChaXa
Foron rexeitadas as mocións presentadas polos dous grupos da oposición, relativos ao programa Xantar na Casa, do PSOE, e á modificación do orzamento de 2026, do BNG
IMAXE-PLENO-EXTRAODINARIO-OUTEIRO-DE-REI-31.07.2025
31 Oct 2025

O Pleno ordinario do Concello de Outeiro de Rei celebrouse este xoves ás 12:00 horas na Casa Consistorial. O punto central da sesión foi o Expediente 1198/2025, relativo á modificación de créditos, que o equipo de goberno presentou empregando parte do superávit do exercicio anterior. A proposta incluíu unha amortización de 120.000 euros —máis do 100% do previsto—, unha achega municipal de 150.000 euros para as obras xa executadas da piscina municipal e o centro BTT, e outra de 150.000 euros adicionais para o proxecto do Centro de Día, incluído nos orzamentos de 2025 cun total de 600.000 euros.

Tamén se aprobaron achegas de 30.000 euros para a adquisición de terreos destinados á construción da futura depuradora e de 10.000 euros para terreos en San Lourenzo de Aguiar. Ademais, consignáronse 350.000 euros en gasto corrente para cubrir facturas pendentes ao final de exercicio.

Segundo o goberno local, esta modificación permite cumprir as previsións orzamentarias de 2025 e afrontar servizos de gran importancia, como o Centro de Día e a depuradora, ademais de consolidar a boa saúde financeira do Concello grazas á amortización de débeda. O expediente foi aprobado por 8 votos a favor e 4 en contra.

No Expediente 929/2025, relativo ao peche e liquidación do orzamento, deuse conta do resultado positivo do exercicio anterior, sen incidencias salientables.

O pleno tamén abordou dúas mocións da oposición. A primeira, presentada polo PSOE, propoñía que o Concello se adherise ao programa autonómico Xantar na Casa, que ofrece menús equilibrados e seguimento social a persoas maiores ou en situación de dependencia. A voceira socialista, María del Carmen Acacio López, defendeu que este servizo “permite ás persoas vivir nos seus fogares con autonomía e seguridade” e lembrou que funciona con éxito en máis de douscentos concellos galegos.

O alcalde e o grupo de goberno do PP votaron en contra, argumentando que “non existe demanda” para este tipo de programas e que o Concello xa conta cun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) “moi potente e case ilimitado”, ademais dun servizo de respiro familiar cun investimento de arredor de 50.000 euros. Engadiron que a creación do Centro de Día será “outro elemento clave” para reforzar a atención social.

A moción foi rexeitada por 8 votos en contra e 4 a favor. O equipo de goberno insistiu ademais en que os concellos están “moi infrafinanciados” e que programas como Xantar na Casa non son da súa competencia directa.

O grupo socialista aproveitou o pleno para presentar varios rogos orientados a mellorar a transparencia institucional e a modernización administrativa. Entre eles, que o Concello publique na súa web todos os acordos plenarios e que se substitúa o pago en metálico nas actividades culturais por un sistema telemático. Ademais, o PSOE preguntou polo atraso na apertura do Centro de Día, denunciando que “segue pechado malia estar rematado” e que “se está a empregar para actividades alleas mentres a poboación maior carece dun servizo esencial”.

O BNG, pola súa banda, levou unha moción para que o goberno local inclúa diversas iniciativas nos orzamentos de 2026, entre elas melloras no mobiliario urbano, nos parques infantís, nas estradas e pontes, un plan de eficiencia enerxética e un plan de rehabilitación de vivendas. O equipo de goberno respondeu que moitas desas actuacións xa se están desenvolvendo e que o plan de eficiencia enerxética leva implantado dez anos, cun aforro de ata 10.000 euros anuais.

Os populares destacaron que Outeiro de Rei “é un dos concellos con maior crecemento da provincia de Lugo, o que demostra unha planificación orzamentaria eficaz”. Esta moción tamén foi rexeitada por 8 votos en contra e 4 a favor.

O Pleno concluíu salientando o bo equilibrio económico do Concello, a aposta polos servizos sociais e o compromiso coa veciñanza das parroquias, segundo subliñou o alcalde, que destacou que o equipo de goberno “mantén un contacto constante coa cidadanía e prioriza as súas necesidades”.

⚙ Configurar cookies
0.065398931503296