O Goberno levará ao Pleno do día 28 a aprobación das bases do Plan Único 2022

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Por segundo ano, o Executivo provincial saca adiante o programa de investimentos no exercizo anterior ao seu período de vixencia.
Pazo San Marcos Lugo
24 Dec 2021

Por segundo ano, o Executivo provincial saca adiante o programa de investimentos no exercizo anterior ao seu período de vixencia, o que permite ás entidades locais planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poden aproveitar mellor os fondos.

O Goberno da Deputación de Lugo anuncia que elevará ao Pleno ordinario deste mes, que terá lugar o vindeiro martes, 28 de decembro, o debate e aprobación das bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022, ao que destina 21,5M€ para desenvolver actuacións en materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou medidas fronte á Covid-19.

Desta forma, por segundo consecutivo o Executivo provincial saca adiante o programa de investimentos no exercizo anterior ao seu período de vixencia, o que permite ás entidades locais planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poidan poden aproveitar mellor os fondos.

Como novidade e para facilitar a tramitación administrativa, algo moi importante sobre todo para os concellos máis pequenos, establécese que só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, explica que “este é un avance importante para os concellos, que nos expresaban que en ocasións tiñan dificultades para preparar e enviar a documentación en tempo e forma. Desta maneira, dáselles máis autonomía e só deberán informar á Deputación unha vez rematados os traballos ou feitas as accións ou actividades”.

Así mesmo, o mandatario provincial explica que esta medida “forma parte do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos. Cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas. Así se vén facendo nos últimos anos, onde o Plan se adaptou á nova situación sanitaria abrindo unha nova liña para paliar o impacto da Covid-19  co fin de ser unha administración útil e próxima para combater a crise provocada pola pandemia e favorecer a recuperación social e económica”, subliña Tomé Roca.

Apertura do prazo en xaneiro

Ao aprobarse neste mes as bases do Plan Único, o Goberno da Deputación prevé que a principios de xaneiro xa se poida abrir o prazo para que os concellos presenten os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único.

Ademais, ao igual que o pasado ano, as entidades locais poderán imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros de ano, o que lles axudará a aproveitar mellor o Plan Único e que favorecerá a creación de postos de traballo.

A institución provincial continúa coa liña Covid-19 para apoiar e colaborar cos municipios nas necesidades que teñan derivadas da pandemia. Así mesmo, é unha vía de apoio ó sector servizos como a hostalería, turismo e comercio, actividades que resultan das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia. Unha medida que amosa que as políticas da Deputación están pegadas á realidade da provincia e axudan a recuperar e a manterse aos sectores produtivos.

Reparto por criterios obxectivos

O Plan Único 2022 mantén a súa esencia, como é a distribución dos fondos en función de criterios públicos e obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística.

Estes criterios establecen unha contía máxima de 500.000 e mínima de 200.000€, coa que se blinda o financiamento do concellos máis pequenos.

concellos plan unico deputacion 2022
0.15825700759888