O Goberno local de Pol mellora o acceso ao núcleo de Trasin
O Concello de Pol acaba de acometer unha importante obra no acceso a Trasín, na parroquia de Luaces. Gran parte da mellora foi acometida co parque móbil municipal utilizando tanto a pa retroexcavadora coma camións.
As obras consistiron fundamentalmente na ampliación do ancho da vía. Estes traballos resultaron complexos xa que a orografía presentaba un importante desnivel. Para solucionalo, o Concello picou unha parede de pedra de grandes dimensións. Con este movemento de terras conseguiuse ampliar en máis de metro e medio o ancho da calzada. Posteriormente revestiuse a zona de rodadura con grixo. Fontes municipais trasladan que de cara ao verán, e unha vez compactado correctamente o terreo, a idea é realizar unha capa de asfalto.
Esta obra permite maximizar a viabilidade das explotacións as que dá acceso, xa que ata a data, vehículos de grandes dimensións como maquinaria agrícola ou camións case non podían acceder e manobrar.
O pavillón municipal estará en obras durante a tempada.
A administración local investirá preto de 300.000 euros na mellor da instalación deportiva cuberta. As obras acometidas afectan tanto aos cerramentos do pavillón, así como as gradas, vestiarios e a propia pista de xogo.
Por unha banda realizaranse obras de accesibilidade, rebaixando o terreo de xogo aproximadamente un metro e poñendo a nivel. Logo de ese rebaixe ampliarase a pista de xogo en torno a dous metros de ancho e máis de cinco de longo. O alcalde, Lino Rodríguez, asegura que con esta inversión as dimensións da pista pasan a ser as regulamentarias, permitindo acoller un maior número de competicións, tanto de baloncesto como de fútbol sala ou outras modalidades deportivas. Tamén aumenta o espazo libre entre a pista e os cerramentos, facendo esta máis segura. A pista nun primeiro momento realizarase en formigón pulido, se ven, desde o concello propoñen que, se tiveran futuros fondos, o ideal sería realizar un acabado en vinilo ou outro material deportivo.
Finalmente as reformas afectarán a zona de gradas onde se espera que podan sentarse 200 persoas así coma aos vestiarios. Prevese que estean executadas para fins de xuño ou principios de xullo, con vistas a poder acoller o Campus Quintela entre outras actividades.