O Goberno local xermadés sobe a 900 euros a axuda á natalidade

TerraChaXa
O Concello de Xermade aprobou nun pleno municipal por unanimidade o incremento de 600 a 900 euros da achega por cada neno recentemente nacido no municipio chairego entre o 1 de decembro de 2019 e o 30 de novembro de 2020.
13 Maio 2020

O Concello de Xermade aprobou nun pleno municipal por unanimidade o incremento de 600 a 900 euros da achega por cada neno recentemente nacido no municipio chairego entre o 1 de decembro de 2019 e o 30 de novembro de 2020.  Así se fixo público no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP), onde se recolle a aprobación definitiva desta modificación dos orzamentos.

O importe total destinado a este labor é de 7.200 euros que partirán dos fondos orzamentarios que o Concello ten previstos para este ano. Esta é unha das medidas coas que o Concello de Xermade quere impulsar a natalidade, xa que conta cunha poboación moi envellecida. De feito, son tan só unha media de oito nenos que se benefician deste apoio económico cada ano, segundo asegura o alcalde da localidade, Roberto García.

O rexidor indicou que esta é a primeira ocasión na que se aumenta a achega por parte do goberno local, desde que comezase a distribuírse fai uns 15 anos. Os perceptores desta axuda, que se complementa co cheque que entrega a Xunta de Galicia, poden destinar o importe recibido "ao que os proxenitores consideren", xa que está pensada para gastos libres.

0.19501185417175