O Goberno Provincial propón mellorar as condicións laborais dos profesionais en prácticas na Deputación
O Goberno da Deputación leva este martes ao Pleno unha proposta para mellorar as condicións laborais dos profesionais cun contrato en prácticas na institución luguesa. Así o avanzou o voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos Ramos, que avanzou que esta iniciativa acadou o visto e prace de todos os representantes sindicais no organismo polo que se agarda o apoio dos membros da Corporación para a súa entrada en vigor.
As melloras consisten en que estes profesionais reciban a partires do seu sétimo mes de actividade laboral na Deputación de Lugo o 95% do salario que lles corresponde no organismo provincial, tendo en conta a súa categoría profesional. Isto suporá que, por exemplo, os traballadores cunha titulación universitaria ou de Formación Profesional reciban uns 1.400 euros mensuais tras superar o período de proba, que é de 6 meses.
Durante os 6 primeiros meses, período de proba, continuarán recibindo o 60% do salario que lles corresponda na institución atendendo á súa titulación.
A día de hoxe, non perciben máis do 75% a partires do sétimo mes e durante o máximo de 2 anos de vixencia do seu contrato en prácticas na Deputación de Lugo.
Esta proposta ten carácter retroactivo polo que de aprobarse comezará a aplicarse atendendo ao 1 de xaneiro de 2017.
Na actualidade hai 7 profesionais con contratos en practicas na Deputación de Lugo.