O Gran Camiño estrearase na Mariña e na Terra Chá cunha etapa entre Vilalba e Barreiros

A volta ciclista profesional O Gran Camiño chegará por primeira vez ás comarcas da Mariña e da Terra Chá na súa vindeira edición. A etapa lucense partirá de Vilalba e rematará nas praias de Barreiros, nun percorrido que permitirá amosar ao mundo dous territorios emblemáticos da provincia de Lugo e que volverá contar co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación.
Os detalles sobre o punto de saída e chegada foron avanzados esta mañá nun acto celebrado na Casa do Concello de Barreiros, no que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García; o organizador da proba, Ezequiel Mosquera; e as alcaldesas de Barreiros, Ana Ermida, e de Vilalba, Marta Rouco.
Durante a presentación, Efrén Castro destacou a colaboración mantida con O Gran Camiño desde a súa primeira edición, subliñando a aposta polo ciclismo como ferramenta para poñer en valor o territorio. Neste senso, celebrou que a proba chegue por vez primeira á Mariña e á Terra Chá, dúas comarcas que definiu como “espectaculares” tanto polo seu patrimonio natural como pola súa identidade propia.
O vicepresidente puxo tamén en valor a capacidade desta competición para levar deporte internacional de máximo nivel a concellos medianos, que dificilmente poderían acoller eventos deste alcance noutros ámbitos deportivos. Así mesmo, agradeceu a implicación dos concellos anfitrións, salientando o importante esforzo organizativo e loxístico que supón acoller unha proba destas características.
Pola súa banda, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, sinalou que a chegada desta etapa é resultado do traballo continuado que se vén desenvolvendo no municipio no eido deportivo, cunha clara aposta polo deporte base. Ao mesmo tempo, destacou que acoller unha meta do ciclismo profesional supón unha oportunidade para proxectar Barreiros e A Mariña, así como para crear referentes deportivos para as novas xeracións, lembrando a tradición ciclista existente na comarca.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, agradeceu a elección da capital chairega como punto de saída da etapa, poñendo en valor tanto as paisaxes que acompañarán o inicio do percorrido como a fonda tradición ciclista do municipio. Rouco lembrou eventos consolidados como o Día da Bicicleta, con tres décadas de historia, ou a Ruta Ciclista San Simón da Costa, organizada en colaboración con Muras e Xermade, e destacou o carácter acolledor de Vilalba.
Sen adiantar máis detalles sobre o trazado, que se dará a coñecer o vindeiro 6 de febreiro xunto ao resto das etapas —catro en Galiza, unha por provincia, e unha en Portugal—, Ezequiel Mosquera avanzou que se tratará dunha etapa dinámica e atractiva desde o punto de vista deportivo. O organizador indicou que o obxectivo é ofrecer espectáculo tanto para o público internacional como para a veciñanza das comarcas polas que discorrerá a proba.
O Gran Camiño na provincia de Lugo
Tras catro edicións nas que as etapas lucenses se centraron nas comarcas da montaña e do sur da provincia, O Gran Camiño amosará nesta ocasión a metade norte do territorio. Nas edicións anteriores, Lugo acolleu unha contrarreloxo individual en Sarria na primeira edición; unha etapa entre Lugo e Sarria na segunda, con paso por numerosos concellos do interior; un percorrido pola Ribeira Sacra lucense na terceira; e unha esixente etapa de montaña entre A Pobra do Brollón e Pedrafita do Cebreiro na pasada edición.
O palmarés da proba inclúe nomes destacados do ciclismo internacional como Alejandro Valverde, vencedor da primeira edición; Jonas Vingegaard, gañador das dúas seguintes; e Derek Gee. Desde a súa creación, O Gran Camiño conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, co obxectivo de consolidar unha gran volta ciclista que sitúe Galiza no calendario internacional deste deporte.