O grupo de teatro O Torques de Burela, prepara a súa nova obra titulada 'Cena de Familia'
O grupo de teatro O Torques, de Burela, prepara unha nova representación titulada Cena de familia, que se estreará a finais de xuño ou principios de xullo. O grupo está formado por 13 actores e outras cinco persoas que se encargan dos decorados, vestiarios, son, iluminación e demais aspectos técnicos da montaxe.
O director do grupo de teatro O Torques, Juan Vilariño, explicou que “é unha obra actual. Vai sobre unha cea de familia e é unha obra nosa feita nun taller que realizamos de improvisación, eu puxen as ideas pero os textos estaos facendo a xente. Son trece actores, hai máis xente, pero actores son trece e estrearemos a finais de xuño ou principios de xullo. Logo contamos con outras tres ou cinco persoas que nos axudan na montaxe das representacións”.
Juan Vilariño comentou que “facer un grupo de teatro estable en Burela é complicado porque aquí moita da xente que se apunta é xente nova, pero despois teñen que marchar para a universidade. Tíñamos un grupo no que había uns rapaces moi bos pero tiveron que marchar para a Universidade, entón temos que encontrar sabia nova. Agora temos chavales de catorce e quince anos que nos aguantarán ata que teñan que marchar para a Universidade, entón temos que estar renovando case sempre”.
O director de O Torques salientou que “temos unha axuda importante por parte da Concellería de Cultura, sempre nos animan para que poidamos facer isto”.
E fixo un balance moi positivo da aceptación que está a ter o grupo tanto en Burela como fora da localidade: “tivemos unha aceptación tremenda. Á xente, sobre todo no rural e nas parroquias, gústalle moito o teatro, valora moito o teatro, igual se valora moito máis o teatro afeccionado en parroquias que nas cidades porque nas cidades estamos un pouco cansos de todo. Desprazámonos lonxe, ata douscentos quilómetros, fomos a Carballedo, a Ribas do Sil, desprazámonos por toda a provincia levando o nome de Burela e recíbenos coas mans abertas”.
Juan Vilariño engade que “é un grupo que está aberto a todo o mundo porque moitas veces a xente di que non vale para interpretar, pero pode ser un bo técnico de son ou de luces, ou para montar o escenario, dentro dun grupo de teatro hai moitas cousas que se poden facer. Como temos o local de ensaio compartido con outra xente, ensaiamos os luns, os martes e os sábados á mañá, non os tres días todas as semanas, imos dependendo dos rapaces se teñen exames ou non, os luns sempre porque teñen colexio pola tarde e despois veñen a ensaiar, é o día que menos cargados están de deberes, pero depende de se están en tempada de exames ou non, descansamos máis ou menos”.
Pola súa banda o concelleiro de Cultura, José Díaz, dixo que “desde o principio apoiamos esta iniciativa para que en Burela houbese un grupo de teatro instaurado e que se consolidase”.