O grupo de teatro o Torques representa en Burela 'Cea de familia'
A axenda cultural para este fin de semana en Burela ofrece a actuación do grupo de teatro local O Torques e o Festival de Danza e Música Tradicional organizado por Ledicia. O venres 29 ás 21.00 horas na Casa da Cultura, O Torques porá en escena Cea de familia. O concelleiro de Cultura, José Díaz, aposta tamén pola creación dun grupo infantil de teatro. E o sábado 30 ás 19.00 horas celebrarase o Festival de Danza e Música Tradicional de Ledicia. O edil de Cultura fai unha chamada á participación nestes eventos da vindeira fin de semana.
José Díaz anunciou que “este fin de semana en Burela temos dous eventos, ambos gratuítos. O sábado 30, ás sete da tarde, a Sociedad Cultural Recreativa Ledicia organiza, unha vez máis, o Festival de Danza e Música Tradicional como xa ven facendo os últimos anos, con moita presenza de público. É unha asociación con moitos socios, con moita xente que colabora con eles, e que participa nas súas actividades que son moitas ao longo do ano, desde a feira do bonito pasando por colaboracións no Nadal, no Entroido e en moitas cousas do entramado cultural do pobo. Traballan moito e ben por facer actos na localidade e este sábado organizan este festival de danza ao que invitamos a todo Burela a acudir porque vai ser moi ameno con participación de nenos e adultos, moitísimas variedades de danza a música e pódese pasar unha tarde agradable”.
O concelleiro de Cultura engadiu que “o venres 29 temos ás nove da noite a actuación do grupo de teatro de aquí de Burela, O Torques, que segue traballando. Levábamos moitos anos sen grupo de teatro propio e por fin, desde o 2015, puido facerse O Torques, coa dirección de Juan Vilariño e coa participación de diferente xente que vai pasando por aí, algúns deles seguen estando no grupo de teatro. Nosoutros desde o Concello seguimos apoiando a este colectivo”.
Díaz dixo que “temos, tanto O Torques como o Concello, un obxectivo a nivel de cultura teatral que é organizar o primeiro grupo de teatro infantil en Burela. O sábado pasado tivemos aquí a actuación do grupo infantil A Adala, houbo moitísima xente vendo aos peques actuar, a verdade é que o fan moi ben, xa os felicitei e volvo facelo. Espero que poidamos en Burela tamén facelo, falaremos cos dous colexios a ver se hai xente que nos poida axudar desde dentro e poder facer un grupo de teatro. Temos o apoio de Juan Vilariño para todo isto, o meu persoal e tamén do Concello de Burela. A ver si se pode facer e animamos aos nenos e ás nenas a participar. É unha actividade que eu sempre digo que debería ter máis peso nos colexios, non é que todos os nenos que se apunten vaian ser actores ou actrices, senón por todo o que aprenden a falar en público, por exemplo, e a desenvolverse. Penso que ten unha parte didáctica importante e é a que, sobre todo, queremos fomentar”.
O edil burelés explicou que “a obra de O Torques se chama Cea de familia e ten unha temática que promete ser moi divertida. Trátase dun encontro de familia en torno a avoa que está preto da súa morte, e entón discuten pola herdanza e hai diferentes trifulcas en torno a un tema que é moi común, por desgraza, na vida real. Vai ser un fin de semana con dous eventos diferentes, un teatral e outro musical, para animar un pouco a actividade cultural en Burela”.