O Grupo de Traballo da Xunta completou a guía de xeodestinos da provincia de Lugo.
O Grupo de Traballo da Xunta completou a guía de xeodestinos da provincia de Lugo tras a celebración d aúltima reunión, na que participaron os alcaldes e representantes dos municipios interesados en sumarse a esta iniciativa e o responsable de Turismo da Deputación provincial.
Deste xeito o cen por cen da provincia de Lugo terá formalmente constituído un xeodestino de referencia, como ferramenta para a promoción turística conxunta e como medio para acceder ás axudas que convocan as distintas administracións con este fin, en particular, a axencia de Turismo de Galicia.
Aos xeodestinos que xa estaban en funcionamento da Mariña lucense e da Ribeira Sacra, súmase agora dous novos, completando a totalidade da provincia, tras acordarse a constitución dos xeodestinos da Montaña lucense (Ancares-Courel) e das comarcas centrais (Lugo, Terra Cha, Sarria e A Ulloa)
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que completar o mapa de xeodestinos lucenses abre a porta á promoción conxunta da provincia, unha demanda crecente da cidadanía e dos propios axentes turísticos, reforzando a visión de Lugo como un destino global e diferenciado.
Ademais, outra das vantaxes é o acceso a novas axudas e oportunidades de financiación pois contribuirá a facer máis doado os esforzos que ata o de agora realizaban os concellos de xeito individual para a promoción turística, sen que iso supoña deixar de presentar unha oferta propia ou diversificada. Con todo, novos apoios económicos implicarán tamén novos recursos para ganar en calidade.
Constituída a totalidade dos xeodestinos lucenses, o delegado apunta como novo reto o de sumar ás asociacións, entidades e operadores turísticos privados para que tamén participen e acheguen ideas co obxectivo de mellorar a promoción turística lucense, como xa acontece na Mariña ou na Ribeira Sacra.
Polo que respecta ao xeodestino da Montaña lucense está constituído por nove concellos: os de Becerreá, Baleira, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, As Nogais, Triacastela e Navia de Suarna.
Por outra banda, o xeodestino das comarcais centrais da provincia estará conformado por dezanove concellos: os de Abadín, Antas de Ulla, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Friol, Guntín, Láncara, Meira, Monterroso, Muras, O Corgo, O Páramo, Outeiro de Rei, Rábade, Riotorto, Vilalba, Xermade.
A incorporación de novos concellos é absolutamente voluntaria e pode facerse en calquera momento, co único requisito de realizar unha modificación dos estatutos, pois a fórmula escollida é flexible baixo o criterio de cantos máis concellos participen maiores vantaxes para a promoción conxunta da provincia.