O grupo de traballo das Pontes acorda o calendario de accións en defensa da transición enerxética xusta
O grupo de traballo local en defensa dunha transición enerxética xusta acordaron, durante a súa segunda xuntanza, o calendario de accións que se porán en marcha durante as vindeiras semanas para defender a economía no territorio vinculada á produción de enerxía eléctrica e establecer medidas que permitan retomar, de forma inminente, actividade produtiva da central térmica das Pontes, tales como a regulación do mercado de CO2 ou a eliminación do céntimo verde así como outras accións para paliar a situación dos sectores máis afectados.
Así, representantes da Asociación de Empresarios SEARA, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo), da Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón das Pontes, membros de UGT, CC.OO e a CIG, en representación das empresas auxiliares, o presidente do comité de empresa, a concelleira de Industria e Emprego, en representación do Concello, e un representante de cada un dos grupos políticos con presenza na corporación municipal acordaron convocar unha asemblea, o día 9 de setembro, ás 20:00 horas na que se procederá a lectura dun manifesto en defensa dunha transición enerxética gradual e menos prexudicial para os sectores afectados. Esta asemblea rematará cun encerro nos concellos das Pontes, Ferrol e Vilalba, promovido pola Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón das Pontes.
O día 10 de setembro está previsto que unha delegación dos 21 alcaldes das provincias da Coruña e Lugo que asinaron un manifesto, o pasado mes de xullo, para reclamar unha transición enerxética xusta e unhas políticas que permitan retomar a actividade produtiva de Endesa, acompañados por representantes das asociacións empresariais pontesas, da asociación de transportistas, do comité de empresa e sindicatos se despracen ata Madrid para entregar este documento no Ministerio de Transición Ecolóxica.
Por outra banda, o grupo de traballo local, acordou realizar unha concentración, de toda a veciñanza, o día 13 de setembro, ás 12:00 horas, en Santiago, diante da sede da Xunta de Galicia,concentración que se trasladará o día 16, ata Coruña, ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno.
O 19 de setembro realizarase unha manifestación polas rúas das Pontes, acción que irá acompañada dun paro dunha hora do sector comercial, hostaleiro e empresarial da vila e unha xornada de 24 horas de folga nas auxiliares da central térmica, promovida por UGT, CC.OO e CIG.